BEN-CHO-SHEY. 50 anos de maxisterio cultural (1918-1968)

Xosé Ramón e Fernández-Oxea ( Ben-Cho-Shey) (Ourense, 1896- Madrid,1988)

Pedagogo, inspector de Ensino, xornalista, etnógrafo, arqueólogo, historiador, poeta, folclorista, narrador, lingüista, político comprometido co galeguismo dende a mocidade, republicano e antifascista,  membro das Irmandades da Fala e do Seminario de Estudos Galegos, do Partido Galeguista (do que foi Presidente en Lugo), figura ponte entre a Xeración Nós e as xeracións posteriores, intrépido promotor e defensor da fala,  mentor e guía da mocidade galega en Madrid, nos anos 60 e 70 do século pasado, mestre, nas aulas e na vida, MESTRE no mellor e máis amplo sentido da palabra. Todo iso foi Ben-Cho-Shey pero a todo iso non podemos reducir o enorme legado que nos deixou aos galegos, pois como deixou escrito Ánxel Fole : “Nos seus labres o tema da Galiza era inesgotábel “ .

Ademais e por riba de todo, Xosé Ramón e Fernández Oxea, Ben-Cho-Shey,  foi un home xeneroso e bo, a súa bondade era paradigmática e sobre esa virtude súa podemos recoller centos de testemuños das persoas que o trataron e sempre obtiveron del aquilo que lle pediron. Acudimos de novo ás verbas de Fole porque describen con claridade fulgurante esas dúas calidades súas: o seu maxisterio e a súa bondade. Fole lembra os anos lugueses de BCS e dinos: “Das conversas con Ben-Cho-Shey tódolos rapaces saían máis  afincados nos seus sentimentos de galeguistas. O seu maxisterio, a iste respeito, non puido ser máis facedeiro. Sempre convencía e anortaba. Todos os que o tratabamos contábamolo entre os galeguistas cen por cen. E todos conviñamos na crencia de que non era doado batir cun home tan bondadoso.”

Xosé Ramón e Fernández-Oxea naceu en Ourense en 1896 e finou en Madrid en 1988. O seu pai era Pío Ramón, prestixioso mestre ourensán, amigo de Otero Pedrayo, como dá testemuño o Libro dos amigos de Otero Pedrayo, e deputado provincial en Ourense, nos anos 35 e 36, polo Partido Galeguista. Moi novo comezou a publicar contos e artigos no xornal fundado por Lamas Carvajal O Tío Marcos da Portela, co pseudónimo de Xan Fouciño. O bo alcume de Ben-Cho-Shey, co que sería xa para sempre coñecido, comezou a usalo en 1921 para asinar as crónicas que mandaba a La Zarpa, dende Marrocos. E de alí  en diante usouno sempre. Sendo mestre de primeira ensinanza obtivo unha bolsa das catro deputacións galegas para mellorar a súa formación pedagóxica nunha estadía en Francia e Bélxica en 1928. Pertenceu ao Seminario de Estudos Galegos, ás Irmandades da Fala e ao Partido Galeguista, colaborou nalgunhas das máis prestixiosas publicacións e xornais daquela época: Nós, Céltiga, A Nosa Terra, Galicia, A Fouce, Heraldo Orensano, El pueblo gallego…

Cando chegou a Lugo en 1935, no seu primeiro destino despois de aprobar as oposicións de inspector de ensino, xa tiña unha consolida posición como intelectual e centos de traballos publicados sobre os máis diversos temas, nas cabeceiras citadas e noutras moitas, tanto de creación literaria como de historia, arte, etnografía, política…; xa tiña realizado tamén o seu monumental traballo sobre a parroquia de Santa Marta de Moreiras, na que fora mestre, probablemente a súa obra cume, que non viu a luz ata o ano 1969 da man das Edicións Castrelos e participara activmente tamén en case todos os traballos colectivos do Seminario de Estudos Galegos.

Establecido en Lugo continua a súa actividade cultural e de divulgación e entrégase, segundo se pode comprobar na correspondencia que mantén neses anos, a unha intensa actividade política, na organización local do Partido Galeguista do que é elixido Presidente e conselleiro do Consello Nacional en representación da zona de Lugo. Servando Gómez Aller era o Secretario local e Ánxel Fole era o Secretario de zona. É candidato polo Partido nas eleccións ás Cortes de Febreiro do 36 e participa activamente na campaña a prol do Estatuto de Autonomía nos meses anteriores ao plebiscito do 28 de xuño de 1936.

A alegría da aprobación do Estatuto durou pouco. O 18 de xullo do 36 Ben-Cho-Shey está en Lugo e escribe un diario que abrangue dende o día 19 de xullo ao 21 de agosto, un testemuño lúcido e tráxico daqueles momentos de terror feroz, como el di nun páxina solta deste diario, escrita probablemente algo máis tarde, no ano 37: “Dende que estas bestas se apoderaron violentamente do mando comezou o imperio da inxustiza, do horror, do desbaraxuste, do latrocinio e de toda-las calamidás imaxinables”.

Ben-Cho-Shey sae de Lugo no verán do 1937 destinado forzosamente a Cáceres, despois dun expediente de depuración que lle supón, como mal menor, unha suspensión de emprego e soldo e o desterro. Antes da marcha ten que deixar precipitadamente os mobles da súa casa de Lugo no domicilio dos seus amigos do Val do Incio, Maruxa Domínguez e Uxío Campo. En Estremadura desenvolverá tamén un interesante traballo cultural, nos eidos da investigación arqueolóxica e etnográfica, ata o punto de que o Museo de Cáceres lle dedicou unha sala. E dende alí e dende Madrid, segue a traballar na reorganización do Partido Galeguista no que militará ata a súa liquidación.

Ramón e Fernández-Oxea fixou a súa residencia definitivamente en Madrid nos anos 50, aínda que xa instalara nesa cidade, coa súa dona Isabel Algarra, o seu domicilio familiar a partir de 1942. Dende alí exerceu un importante labor cultural: foi representante da editora Galaxia e directivo do Centro Galego de Madrid, ademais de membro correspondente de diferentes sociedades e academias, entre elas, a Real Academia Galega e a Real Academia da Historia. Un dos aspectos máis destacado de Ben-Cho-Shey, nesta etapa, é o seu papel de fío condutor entre a xeración de vellos galeguistas e os nacionalistas máis novos (os grupos Castelao e Brais Pinto, a Asociación de Amigos da Unesco…).

Dentro da súa faceta literaria cultivou tanto a prosa como o verso en obras como: Berzas (1953), Andrómenas (1954), A ducia do Frade (1966) e Contos do Fiadeiro (1973). O libro homenaxe Galicia no corazón  (1977), coordinado polos profesores Alonso Montero e Alonso Estravís, recolle unha interesantísima escolma dos seus textos xornalísticos.

Morre en Madrid en 1988, poucos días despois do falecemento da súa muller, Isabel Algarra. As súas cinzas foron depositadas no cemiterio da San Francisco en Ourense.

 

O Ano Ben-Cho-Shey

O Ano Ben-Cho-Shey é unha aposta da Área de Cultura da Deputación de Lugo pola recuperación da memoria histórica que servirá para facer un percorrido pola actividade política e cultural de Xosé Ramón e Fernández-Oxea, Ben-Cho-Shey, especialmente entre os anos 1935-1937, nos que residiu en Lugo. As actividades encadradas no Ano Ben-Cho-Shey véñense desenvolvendo dende o mes de xuño do ano 2012 e terán continuidade ao longo do primeiro semestre do 2013, coincidindo co 75 aniversario do seu desterro a Estremadura dende a cidade de Lugo.

A exposición

Iniciase cunha recreación da Campaña a favor do Estauto de autonomía de 1936 baseada na documentación gráfica e os testemuños escritos daquel momento, fundamentalmente nas fotos tomadas por Ben-Cho-Shey na cidade de Lugo e en distintas localidade da provincia.

A mostra estruturase en 4 apartados:

  1. Fotobiografía : un percorrido cronolóxico pola vida de Ben-Cho-Shey con máis dun cento de fotografías e ilustracións.
  2. Andar e aguzar. Os traballos e os días de Ben-Cho-Shey: As distintas vertentes do seu labor como polígrafo, cunha ampla información gráfica, bibliográfica e documental ( o escritor, o xornalista, o etnógrafo, o arqueólogo, o político…)
  3. O Partido galeguista en Lugo 1931-1936. A constitución do Partido Galeguista en Lugo e o seu avance e consolidación na etapa en que Ben-Cho-Shey preside o Grupo local. Documentos inéditos: O Diario de Lugo de 1936, correspondencia co Comité Executivo do Partido, con militantes de distintas localidades, carta de Ben-Sho-Shey a Castelao dende Lugo, propaganda política orixinal da época e varios documentos gardados nun Arquivo clandestino polo Secretario do Grupo Local de Chantada, Leonardo Fernández Souto.
  4. Sociedade e cultura en Lugo 1918-1968. Unha cronoloxía da vida social e cultural de Lugo, nos 50 anos claves da traxectoria vital e intelectual de Ben-Cho-Shey, acotada por dous anos simbólicos: o 1918 no que se celebra en Lugo a Asemblea Nacionalista auspiciada polas Irmandades das Fala e o 1968, ano de efervescencia política e cultural, no que Ben-Cho-Shey declara no TOP (Tribunal de Orden Público) a favor de tres mozos lucenses detidos en Madrid a finais do ano anterior pola campaña “Libertade pra Galicia”.

 Lugar da exposición:

Sala de Exposicións Temporais do Museo Provincial de Lugo
Praza da Soidade, 7
Lugo

Datas da exposición:

14 de febreiro de 2013 a 20 de maio de 2013

Nota.- A maior parte da documentación orixinal presente na exposición así como da documentación gráfica reproducida nos seus contidos foi cedida pola Biblioteca da Deputación Provincial de Ourense, que conserva entre os seus fondos o Arquivo Ben-Cho-Shey.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s