Arquivo por autores: xanfoucinho

O DÍA DE GALIZA. 25 DA SEGA

Para comemorar o día de Galiza vamos publicar este pequeno comunicado que o Grupo Galeguista de Lugo editou  en 1935 baixo a presidencia de Xose Ramón e Fernández-Oxea. Publicarían tamén un pasquín coa programación do día e varios textos, incluíndo un da autoría de Ramón Otero Pedrayo. Podedes consultar a entrada onde se fala do pasquín aquí

Día da Galiza; 25 da Sega

Día da Galiza; 25 da Sega

Ben-Cho-Shey no Marcos Valcárcel de Ourense

A Biblioteca Provincial de Ourense, en colaboración co Servizo de Publicacións da Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo,  ven de inaugurar no Centro Cultural Marcos Valcárcel unha mostra retrospectiva sobre a figura de Xosé Ramón e Fernández-Oxea que complementa o exposto no inverno pasado no Museo Provincial de Lugo. Neste caso, a mostra céntrase na relación de Ben-Cho-Shey coa súa cidade natal. Deixámosvos unhas cantas fotografías da mostra, asi como esta ligazón onde poderedes atopar as reseñas da prensa sobre a mostra.

A CAUSA DA LINGUA

Con motivo da celebración do día das letras galegas o vindeiro 17 de maio e como entrada final da sección Andar e aguzar, vamos falar hoxe da defensa sen reservas que Ben-Cho-Shey fixo da lingua galega durante toda a súa vida.

Non é sorpresa que o galeguista e histórico presidente do Centro Gallego de Buenos Aires Rodolfo Prada Chamocín o alcumase como “O vedraio da fala”. Como testemuña a súa bibliografía, Xosé Ramón e Fernández-Oxea non foi lingüista de oficio. O que si nos demostran os seus escritos é unha preocupación sempre presente sobre o emprego do idioma e a busca da forma correcta en cada xiro, en cada parágrafo. Onde si nos atopamos unha defensa explícita da lingua galega é nos seus innumerables artigos de opinión, publicados ao longo de décadas na prensa do país. O idioma galego, a procura do seu recoñecemento e estatus e a correción no seu uso foi sempre unha constante das súas colaboracións coa prensa da época.

 A denuncia en clave sociolingüística da situación do galego observámola en artigos como “Vaites co señorito” (Faro de Vigo, 13/12/1950); “Dimisión Colectiva” (Lar, 1951); “A lingoa morta” (Correo de Galicia 5/10/1966) “A desgaleguización de Galicia” (El Ideal Gallego 30/9/1973) entre outros moitos. Neles argumenta sobre a sitiuación obrigada da lingua galega e carga contra as elites e os seus imitadores, cuxa postura define a consideración negativa do galego e dos seus falantes, cuestión que pola que define o galego como a lingua do pobo.

 A súa reivindicación da toponimia orixinal en galego marca a liña que aínda hoxe empregamos neste senso. Os artigos “E vai de topónimos” (La Noche, 8/5/1964) onde diserta sobre os polémicos *Niñodelaguia, *Haciadama ou *Sangenjo; “Seis letreiros…!” ( El Correo Gallego, 6/9/1968) ou “Cela e os topónimos” (La Región, 19/11/1972) son exempos contundentes disto.

Cartas e Documentos. O expediente de depuración de Ben-Cho-Shey

Hoxe traémosvos os 3 folios que conforman o expediente de depuración de Xosé Ramón e Fernández-Oxea. Os dous primeiros datados o 26 de dembro de 1936 conforman o prego de cargos dos que é acusado; elaborados pola “Comisión nombrada para la depuración del personal de instrucción pública de la Provincia de Lugo” e firmados polo Gobernador Bermúdez de Castro (que xa o fora durante a ditadura de Primo de Rivera). O terceiro e último, mecanografado cunha tinta de cor mais escuro é rubricado polo “Vicepresidente de la Comisión de Cultura y Enseñanza” da “Junta Técnica del Estado” Enrique Suñer foi enviado desde Burgos o 25 de Maio de 1937 chegando a Lugo o 31 de Maio. É a comunicación do acordo co que se pecha o expediente de depuración e  grazas ao cal Ben-Cho-Shey é desterrado. Salvaría a vida, mais nunca voltaría a traballar en Galicia.

Prego de Cargos 1

Prego de Cargos 1

Prego de cargos 2

Prego de cargos 2

_______________________________________________________________________________________________________

Comunicación da sentencia

Comunicación da sentencia

O diario, 1942. Inverno de posguerra en Madrid; frío,fame e cinismo

Despois de 5 anos, Isabel Algarra e Xosé Ramón Fernández-Oxea deciden trasladar a súa residencia de Cáceres a Madrid. Nestes primeiros meses, fan dobre gasto: a pensión na que durmen e a casa que alugan. Continúan sen mobles co que tampouco poden ocupar a casa. A mediados de xaneiro instálanse no novo domicilio so cos colchóns; nunha rúa chea de cascotes e ruínas. Os dous sofren contínuos problemas de saúde,  gripes pola falta de calor e cólicos e úlceras pola mala calidade da pouca comida. A ausencia de combustibles como o carbón ou a madeira fai que non haia lume nas casas co que quentarse, nin tampouco para cociñar; e pese a estar restablecida a corrente eléctrica, o seu prezo é tan elevado que non poden facer uso normal dela. Case non hai pan; non hai nin carne nin peixe. A poboación madrileña ten dúas ocupacións principais: a de “astillero” e a de “colista”. A primeira consiste en adicar unha parte do día a partir calquera cousa que faga combustión para facer estelas – “astillas”- coas que quentarse e poder cociñar; a segunda fai referencia a que o resto do día ocúpase en facer cola nos puntos de distribución de alimento e combustible ou nas diferentes dependencias militares que espenden cada unha das partes que conforman a cartilla e os cupóns de racionamento de cada ben  (en moitos casos para non acadar nada logo de todo o día ). Tamén sofren contínuos cortes nos transportes públicos por restriccións na gasolina. Mentres, Ben-Cho-Shey queixase amargamente dos numerosos vehículos oficiais que circulan por Madrid sen restricción de ningún tipo, conducidos por señoras ricamente vestidas e adornadas. Neste escenario, nun estado febril e débil producido por unha forte gripe e unha úlcera no intestino groso, Xosé Ramón achéganos as seguintes reflexións. Algunhas poderían estar falando do presente que estamos a vivir (as reformas educativas, os discursos antipolíticos).

1 febreiro 1942

1 febreiro 1942

2 e 3 de febreiro 1942

2 , 3 e 4 de febreiro 1942

Transcrición:

“(…) Pro aínda hai outra cousa máis gorda. A sombra do tan cacarexado aumento de soldo ao Maxisterio, que pon a 24.000 mestres na mesma categoría, arrincan nada menos que tres millós de pesetas pra subvencionar ao colexios privados. Subvencion que a chaparán íntegra tódolos frades e monxas de España. Iste si que é un bo bocado, pasar de 190.000 pesetas a tres millós. Pro esto faise soladinamente e disfrazando a cousa ¡Que humildade dos probiños esclavos del Señor!

2.- O B.O de hoxe trae unha corrida de escalas, de Inspectores que non é nin unha mala novillada. A pèsar de que fago o nº un da miña categoría non ascendo porque reingresa un sancionado. O que confirma a miña opinión de que non escenderei endexamais por corrida. O gran porvir é o que me agarda.

Os ingleses progresan como cangrexos e ao millor son capaces de ganar a guerra a forza de recuar. Tamén istes están apañados. E que teñamos posto niles a nosa espranza. Estamos apañados.

3.- Por fin chegaron as camas, e ao cabo de preto de seis anos esta noite poidemos dormir no noso leito matrimonial, do que nos tiveron arredado os salvadores, os protectores da familia todo ise tempo. Nun editorial do “YA” repitan unha vez máis que se romperon algúns cristales, pro que se salvou a España. Chámanlle cristales, istes cínicos ao millón e pico de españoles mortos, aos millós de españoles sancionados e coa súa vida desfeita, aos millós de edificios arruinados, as perdas irreparables, como as Bibliotecas das Universidades de Madrid, de Valladolid e do Duque de Alba, pra non citar máis. A esto lle chaman cristales os que enmascaran os seus apelidos coa careta da salvación. Pro, ¿de que nos salvaron? ¿De vivir ben?

4. Naquiles días febriles de 1936 as chamadas xentes de orden, os mercaderes e demais xentuza que facían extremos ridículos pra xustificar e gabar a traición dos militares resentidos, levaban decote na boca un lugar común ou unha consigna, como agora se di, que rezaba así: “¡Hay que acabar con la política! ¡Mientras no se destierre la política no tendremos arreglo!”. Foi pois o “Glorioso rebumbio”, no seu comenzo esencialmente antipolítico; pro do mismo xeito  que se berraba aínda vitoreando á República, decíase mal da política, sin convencemento, con mala fé. É posible que os tendeiros, afeitos a discurrir por mente de asno, creesen a pé feito que a política era a causa de tódolos males, como quizá tamén o creerían os bizarros obtusos. Quenes nono creron endexamais foron os orgaizadores da traición e a proba dánola hoxe un editorial do “YA” no que se di co desenfado e o cinismo habituales nesta xente sempre disposta a defender o que negaron antronte. “Tenemos el convencimiento de que no se puede vivir sin política” Si ¿eh? Pois pra chegar a esa conclusión poideronse aforrar os ríos de sangue e tanta ruina como se ocasionou na España. Aínda foi onte cando Serrano Súñer non quixo permanecer no Ministerio da Gobernación “porque estaba infestado de política” e prometeu derribar a casa da bola “para que no quede recuerdo de la política”, e ahora saímos con que non se pode vivir sin ela. Por algo o cuñadísimo; despois de tanto abominar a política se fixo presidente “de la Junta Política” ¡ou canta farsa, canto cinismo e canto tapuxo pra mal ocultar unhos apetitos desordenados de mando e unha ambición sin límites!

Así é todo de nocivo entre os salvadores.”

Non vos esquezades de saciar a vosa curiosidade sobre este e outros proxectos visitando a web do Museo Provincial de Lugo.

Cartas e documentos. Carta de Cesáreo Saco en 1948

Cesáreo Saco foi primeiro mestre e logo avogado; militante do Partido Galeguista, foi tamén presidente das Mocidades Galeguistas e do Grupo Galeguista de Monforte. Preso tanto ao inicio da sublevación como nos anos 40 en varias ocasións. En 1946 a apreixado en Madrid xunto a Ramón Piñeiro. Ben-Cho-Shey e  Isabel Algarra desfaríanse en esforzos para coidar e atender aos dous presos galeguistas durante a súa estancia na prisión de  Alcalá de Henares. Isabel Algarra faríase pasar por curmá de Ramón Piñeiro para poder atendelo. Tamén se encargarían de realizar todo tipo de xestións para lograr a redución da pena para os dous presos. Cesáreo Saco sairía a comezos do 1948. Esta é unha das primeiras cartas que lle envía a Xosé Ramón e Fernández-Oxea, xa de regreso coa súa familia  (seus pais e un dos seus irmáns, tamén militante do PG e ex-presidiario, Camilo Saco) e nunha situación moi similar a un arresto domiciliario, na casa familiar de Navallos (parroquia de Santa María de Ousende; O Saviñao), moi preto  de  Monforte de Lemos.

Carta de Cesáreo Saco, marzo 1948. Parte 1

Carta de Cesáreo Saco, marzo 1948. Parte 1

Carta de Cesáreo Saco, marzo 1948. Parte 2

Carta de Cesáreo Saco, marzo 1948. Parte 2

Carta de Cesáreo Saco, marzo 1948. Parte 3

Carta de Cesáreo Saco, marzo 1948. Parte 3

_______________________________________________________________________________________________________

Transcrición:

“Monforte 26-4-48

Sr. D.

José Ramón Fernández-Oxea

Querido Ben-Cho-Shey: Chegamos eiquí moi ben e istes días adicámonos a dormir, comer e pasear, como bos discípulos de Pantagruel.

N’iste intre escríbolle a Rosendo Salgueiro pra que avise ao Ramiro do Páramo i me sailla o viernes  á Puebla de San Julián, pois voulle facer unha visita ao pai de Ramón. Tamén lle escribín a Otero pra ver si coincidimos o día tres en Ourense e dende alí farei unha escapada a Vigo. Decídelle todo isto ao Ramón. Recibín unha carta do Juanito dende o Dueso pra que lle faga unha xestión por medio da Isabel. Como se trata d’unha xestión imposibel de realizar, dígovolo somentos con carácter informativo e non con ánimo de que vos movades ren n’iste asunto. Il quere sair a un campo de traballo; pro eu non sei como il se decata de que tendo unha condena tan elevada, e unhos antecedentes de fuguista tan acusados, é de todo punto imposibel conquerilo. Eu contestareille facéndolle ver ista imposibilidade.

A Vigo intrésame ir denantes de findar o curso.

O domingo irán a visitarnos a Navallos o Avelino Rivas i-o Eliseo, que vos non nos conecedes, pro o Ramón si, e dannos lembranzas pra il.

A Lugo non podo ir até dimpois do día 8.

Inda vivimos en Navallos, si nos escribirdes faceino a Monforte, pois no traieito de Monforte a Navallos o carteiro, cumprindo ordes oficiosas, ten o costume de abrir as cartas con medios técnicos que inda non puden averiguar en que consisten.

Eu ben cho sabía que non eras ti o “nubeiro”, sinon eu, pois o vagón en que viñemos de Madrí, descarrilou entre o Barco e Villamartín e voltou a encarrilar de seu; todo isto en cuestión de segundos; i agora fai unha friaxe que nos fai estar metidos dentro da casiña.

Un saúdo a Isabel, lembranzas ao Ramón i-o Evaristo i-outra aperta de teu amigo

Cesáreo Saco* (sinatura)

            Dalle tamén lembranzas ao Carlos e recibídeas de meus irmáns.

            Direición: Monforte- calle de Roberto Baamonde nº 13″

Non esquezades saciar a vosa curiosidade sobre este e outros proxectos visitando a páxina do Museo Provincial de Lugo.

Andar e Aguzar. O entroido de Santa Marta de Moreiras

Logo dun pequeno descanso voltamos a visitar Santa Marta de Moreiras. Neste curto parágrafo, Ben-Cho-Shey fainos unha breve descrición de como era o entroido nesta parroquia de Pereiro de Aguiar aló polos anos 30. Non era moi diferente dos entroidos que hoxe se manteñen noutras comarcas ourensás ou nas do  sur de Lugo.

“O ENTROIDO

As entroidadasnon teñen logar somentes nos tres días do entroido, sinón que xa comenzan dúas semanas denantes. O domingo anterior ó do entroido chámase corredoiro, e o anterior a iste, é o fareleiro.

O corredoiro chámase así porque denantes había o costume de correr nise día un galo ou un carneiro, co fin de atinguilo e matalo, pra logo facer unha merenda entre os actores da carreira. Tal costume vai case perdido nesta parroquia e ainda pervive nas veciñas de Lañoá, Chaodarcas, Layoso e o Pinto.

No fareleiro levan os mozos de felos e de madamas. Os felos visten con traxes vellos e prendas de muller, como saias ou mandiles; levan un chapeo e a cara tapada cunha toquilla, e na mau unha meia ou bulsa, chea de borralla, ca que lle pegan á xente ou tamén lla botan na cara ás mozas a xeito de confetti.

As madamas van en parellas; un home e unha muller vestidos de branco con moitas fitas e puntillas e a cara tapada cunha mantilla branca. O felo vai facéndolles compaña e abríndolles camiño para que bailen. Levan acompañamento de mozas e mozos tocando pandeiros e acordeós, e diste xeito percorren os lugares devolvéndolle as visitas ás outras madamas.

Entre os pobos hai un grande intrés en que as madamas de cada lugar sexan as millor vestidas e que máis campen.

 (Xosé Ramón e Fernández-Oxea, Ben-Cho-Shey: Santa Marta de Moreiras, 1969)

Santa Marta de Moreiras, contracapa

Santa Marta de Moreiras, contracapa

Cartas e Documentos.Panfleto do Grupo Galeguista de Lugo lembrando aos mártires de Carral

Tal día coma hoxe do ano 1935, o Grupo Galeguista sacaba este panfleto en lembranza do fusilamento do Coronel Solís, o 26 de abril de 1846, e dos mártires de Carral que con el morreron.

O noso agradecemento ao Arquivo Ben-Cho-Shey da Deputación Provincial de Ourense por permitirnos dispoñer da documentación que estades a ver, tanto na exposición coma no blog.

Panfleto Mártires de Carral, Grupo Galeguista de Lugo

Panfleto en lembranza dos Mártires de Carral. Grupo Galeguista de Lugo, 1935

Non esquezades saciar a vosa curiosidade sobre este ou outros proxectos visitando a páxina do Museo Provincial de Lugo

Cartas e Documentos. Carta a Castelao, 26 de marzo de 1936.

En consonancia co documento que publicamos o día 29 de marzo no que o Grupo Galeguista de Lugo explicaba a súa posición ante as eleccións de Febreiro de 1936 (podédelo consultar pinchando aquí ), mostrámosvos hoxe o borrador da carta que Xosé Ramón e Fernández-Oxea lle envía a Afonso Daniel R. Castelao sobre a situación  no Comité lugués da Fronte Popular.

Agradecémoslle de novo ao Arquivo Ben-Cho-Shey da Deputación Provincial de Ourense a súa indispensable colaboración e boa disposición para a cesión do conxunto documental que vos estamos a amosar neste blog e na exposición.

24 de marzo, 1936. Carta a Castelao, parte 1

24 de marzo, 1936. Carta a Castelao, parte 1

24 de marzo, 1936. Carta a Castelao, parte 2

24 de marzo, 1936. Carta a Castelao, parte 2

_______________________________________________________________________________________________________

Transcrición:

“Lugo 21 de marzal de 1936.

Sr. D. Alfonso R. Castelao.

                             Querido irmán: Pra que te dés conta do noxenta que é a política n-iste Lugo, pra que te decates de como se complen os pactos do Frente Popular e de como se practica a repubricanización da nosa terra, pra que logo non lle carguedes  ó Grupo de Lugo culpas que non ten, nin nos tachedes de suspicaces, vouche dar conta ds cousas que sucederon despois da xuntanza do Consello en Santiago.

                                Ós poucos días de voltar de Compostela recibira o Grupo unha invitación de Unión Republicana, fíxate ben, de Unión Republicana pra que acudísemos a constitución do Comité do Frente Popular. O noso Grupo, que non desexaba outra cousa, foi alí pra cumprir o que se había mandado.  A primeira xuntanza acudiron representantes de U.R., de I.R. dos sociaslitas e nosos. Todos, menos os  de I.R. levaban poderes pra actuar; os de I.R. deron en poñer dificultades i en obrar con unha cazurrería de cacique aldeán que a todos lles acaiu mal. Pra segunda xuntanza, que se celebrou xustamente o sábado pasado día 14, xa eran outros os delegados de I.R. pero tampouco eran os definitivos. Acordouse ir ver ó Gobernador pra facerlle presente que o Frente ficaba constituido e que de alí en diante se nos tivese en conta pras renovaciós de xestoras que se levasen a cabo ao igual que se viña facendo nas outras provincias. O Gobernador dixo que lle parecía moi ben, i-en efecto, o domingo seguinte constituíase a xestora de Monforte, onde nós temos Grupo, sin que o Comité do Frente se enteirase de ren.

                                  Despois de Monforte foi Láncara, e Rábade, e Sárria e non sei cantos mais todos nomeados a espaldas do Comité. Cando eu protestei dixéronme que o Gobernador cumpría ordes de que lle daban de Madrid. Claro que se daba a pequena casualidade de que por ises días xa estaba en Madrid o Sr. Díaz Villamil.

                                       En esta situación noxenta e desagradable chegamos a onte; tratouse das elecciós municipaes. A candidatura de maiorías leva 13 nomes; os socialistas non pediron máis que dez postos deixando tres pra que os repartísemos entre os outros tres partidos. O representante de U.R.  fixo outra proposición altruista e desinteresada: 6 postos pra os socialistas, 3 pra U.R., 3 pra I.R. e un pra nós. Como non houbo xeito de se entender, deixámola co as espadas en outo pra o luns.

                             Pero veleiquí que hoxe entérome de que se nomeou a xestora da Diputación pol-o mesmo xeito democrático que se viña facendo cos concellos e sin darlle tampouco representación ós galeguistas. E agora eu pregúntovos. ¡é que coidades que sigue sendo nosa a culpa de que Lugo non se vexa libre de caciques e de que se reduza todo a un troque de un Pepe por outro Pepe? ¿É que se pode seguir dinamente n-un Comité do que non fai caso o Gobernedor namentras o que dirixe todo iste tinglado sigue sendo o Sr. Villamil?

                                Eu confésovos que nunca tiven vocación política nin teño ambiciós en ise orde, e que todo isto magóame moito. Si vos coidades que apesares de todas estas porcalladas, e de todos istes desprecios eu debo continuar no Comité, fareino como un grande sagrifizo da miña dinidade e doéndome moito, tanto máis, canto que coido que iste meu sagrifizo será inútil e que os galeguistas non adiantaremos ren porque ista xente ten alma de cacique rural de terceira clase e son incapaces de correxirse. Van ó seu, e como o meu non é iso, e como eu coido que isto non é repubricanizar a Galicia, nin obrar de xeito democrático, nin ter lealtade cos aliados, nin xiquera ter vergoña; por eso vos agradecería que me librásedes do tormento que pra min supón o ter que aturar e tratar a xente de ista calaña.

                           Vos xuzgades a Lugo pol-o que ocurre en Pontevedra e non hai comparanza posible. Ahí dirixe a I.R. un home como  Tafall   que ten un senso moderno da política i é leal convosco; eiquí temos un cazurro como Villamil cheo de ambiciós personaes e a quen lle ten sin coidado a renovación dos métodos vellos. O panorama político de Lugo non variou máis que nas persoas que rixen a cousa púbrica; os métodos son os mesmos ou quizabes peores, i esto é o que non se pode aturar.

                            Agora vos decidiredes.

                            Unha aperta cordial do teu decote irmán:

                                                                                                    Xosé Ramón

                            Esquecíame decirche que na nova xestora non somentes non se nos deu un posto ós galeguistas, senón que en troques déronllo a un centrista. De donde resulta que o F.P. siguen sendo eiquí o mesmo que foi as elecciós pra diputados, e que os de centro son máis da casa que nós”.

Non esquezades saciar a vosa curiosidade sobre este e outros proxectos visitando a web do Museo Provincial de Lugo.

Cartas e Documentos. Propaganda política, voces de galeguismo

A dous días do 82 aniversario da proclamación da II República  este domingo 14 de abril, hoxe publicaremos catro follas propagandísticas de diferentes actos políticos do galeguismo nos que ou ben participou Ben-Cho-Shey, ou ben gardou o panfleto.

Agradecémoslle ao Arquivo Ben-Cho-Shey da Deputación Provincial de Ourense a cesión de parte do seu arquivo para este proxecto.

Desde a chamada a un mitin da Irmandade Galeguista d’Ourense, anterior a proclamación da II República, no que participa xunto a Roberto Blanco Torres, entre outros; un mitin en Carballedo de  abril do 1935; unha lembranza reivindicativa de Pardo de Cela e un dos que o Partido Galeguista  empregou, co deseño de Seoane.

Mitin da Irmandade galeguista d'Ourense en Porto Quintela

Mitin da Irmandade galeguista d’Ourense en Porto Quintela

Pasquín do Sindicato Agrarista de Carballedo

Pasquín do Sindicato Agrarista de Carballedo

Panfleto do PG impreso en Ourense

Panfleto do PG impreso en Ourense

Cuartilla do Partido Galeguista contra o Imperialismo

Cuartilla do Partido Galeguista contra o Imperialismo

Non esquezades saciar a vosa curiosidade sobre este e outros proxectos visitando a páxina do Museo Provincial de Lugo.