Arquivo da categoría: Xeral

Novas e información básica da exposición “Ben-Cho-Shey. 50 anos de maxisterio cultural (1918-1968)”

Ben-Cho-Shey no Marcos Valcárcel de Ourense

A Biblioteca Provincial de Ourense, en colaboración co Servizo de Publicacións da Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo,  ven de inaugurar no Centro Cultural Marcos Valcárcel unha mostra retrospectiva sobre a figura de Xosé Ramón e Fernández-Oxea que complementa o exposto no inverno pasado no Museo Provincial de Lugo. Neste caso, a mostra céntrase na relación de Ben-Cho-Shey coa súa cidade natal. Deixámosvos unhas cantas fotografías da mostra, asi como esta ligazón onde poderedes atopar as reseñas da prensa sobre a mostra.

EXPOSICIÓN: BEN-CHO-SHEY. 50 anos de maxisterio cultural (1918-1968)

Mario Outeiro, deputado delegado da área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, xunto a Xoán R. Cuba, comisario da mostra e coordinador xeral do Ano Ben-Cho-Shey, inauguraron a exposición “Ben-Cho-Shey. 50 anos de maxisterio cultural (1918-1968)”, mostra que vai permanecer aberta ao público na Sala de Exposicións do MPLugo ata o 20 de maio vindeiro.

Coa asistencia de numeroso público, interviron tamén no acto na parte musical Mini e Mero, e as actrices Tareixa Campo e Paloma Lugilde deron lectura a unha escolma do “Diario de Lugo”, un texto da autoría de Xosé Ramon e Fernández-Oxea que o Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo publicará proximamente.

Álbum da inauguración:

Inauguración de BEN-CHO-SHEY

cabeceira BEN-CHO-SHEY

Hoxe ás 20:00 horas, terá lugar na Sala de Exposicións do Museo Provincial de Lugo a inauguración de BEN-CHO-SHEY. 50 anos de maxisterio cultural 1918 – 1968. Este acto contará coa presenza de Antonio Veiga Outeiro, vicepresidente da Deputación de Lugo; de Mario Outeiro Iglesias, deputado delegado da Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, e de Xoán Ramiro Cuba Rodríguez, coordinador do Ano de Ben-Cho-Shey. Depois da inauguración, haberá unha lectura dramatizada do Diario de Lugo de Ben-Cho-Shey, por parte de Paloma Lugilde e Tereixa Campo e, a continuación, unha actuación musical a cargo de Mini e Mero. A entrada a estes actos é libre e gratuita.

Presentada a mostra ‘BEN-CHO-SHEY. 50 anos de maxisterio cultural (1918-1968)’

Esta exposición enmárcase na celebración do Ano Ben-Cho-Shey co que a Vicepresidencia da Deputación aposta pola recuperación da memoria histórica

 Presentouse a mostra Ben-Cho-Shey. 50 anos de maxisterio cultural (1918-1968)

O delegado de Cultura insiste na importancia que de Galiza coñeza a figura deste galeguista que traballou polo país cun compromiso inquebrantable


Lugo, 7 de febreiro de 2013. Mario Outeiro, delegado de Cultura e Turismo da Deputación, presentou, esta mañá, a exposición ’Ben-Cho-Shey. 50 anos de maxisterio cultural (1918 -1968)’ acompañado de Ramiro Cuba, comisario da mostra, a cal que se poderá visitar na Sala de Exposicións Temporais do Museo Provincial de Lugo dende o vindeiro 14 de febreiro até o 20 de maio.

Esta exposición enmárcase nos actos de celebración do Ano Ben-Cho-Shey, que constitúe unha aposta da Vicepresidencia da institución provincial pola recuperación da memoria histórica servindo, tamén, para facer un percorrido polo legado cultural de Xosé Ramón e Fernández – Oxea, Ben-Cho-Shey, principalmente, entre os anos 1935 e 1937 nos que residiu en Lugo.

Desde o pasado mes de xuño a área de Cultura vén desenvolvendo toda unha serie de actividades en homenaxe a Ben-Cho-Shey, que terán continuidade ao longo do primeiro semestre deste ano coincidindo co 75 aniversario do seu desterro a Estremadura e coas que, segundo explicou Mario Outeiro, preténdese “recuperar o legado cultural deste pedagogo, xornalista, etnógrafo, arqueólogo, historiador, poeta, lingüista e político comprometido co galeguismo e co país. Queremos que Galiza coñeza esta figura tan inxustamente esquecida pero que traballou sempre por amor a Galiza cun compromiso esforzado e inquebrantable.”

“A historia de Lugo –continuou o delegado de Cultura- non se pode entender sen comprender o devalar da estancia de Ben-Cho-Shey na provincia e eliximos, precisamente o Museo Provincial de Lugo para presentar e organizar esta mostra porque representa a creación cultural, xunto a Galaxia, máis importante daquel galeguismo resistente no período franquismo, etapa na que Ben-Cho-Shey tivo un papel fundamental xunto con outros defensores do país como  Alvaro Xil, Antón e Xosé Fernández e o Secretario xeral do vello Partido, o Irmán Gómez Román que dicía Castelao.”

Desde a área de Cultura insístese na importancia de recuperar o labor intelectual de Ben-Cho-Shey  plasmado na súa activa participación nas Irmandades da Fala e no Seminario de Estudos Galegos así como nas numerosas publicacións e artigos sobre os máis variados temas.

Outeiro rematou a súa intervención animando a visitar esta mostra, “necesaria para coñecer a historia do país e lembrar esta figura extraordinaria aínda non recoñecida en toda a súa dimensión. Cómpre recordar as palabras de Xosé María Álvarez Blázquez para situármonos: “Ben-Cho-Shey é o galego máis galego que teño coñecido. Atesoura a xenerosidade dun Otero Pedrayo, o entusiasmo dun Padre Sarmiento, a sabencia folklórica dun Risco, o patriotismo dun Castelao. Se houbese que facer un desfile de galeguismo, Ben-Cho-Shey sería o abandeirado. “

Pola súa banda, o comisario, Ramiro Cuba, explicou que a mostra iníciase cunha recreación da Campaña a favor do Estatuto de autonomía de 1936 baseada na documentación gráfica e os testemuños escritos daquel momento, fundamentalmente nas fotos tomadas por Ben-Cho-Shey na cidade de Lugo e en distintas localidade da provincia.

A exposición  estruturase en 4 apartados: Fotobiografía, un percorrido cronolóxico pola vida de Ben-Cho-Shey con máis dun cento de fotografías e ilustracións; Andar e aguzar, os traballos e os días de Ben-Cho-Shey: unha recompilación de traballos que mostran as distintas vertentes do seu labor como polígrafo, cunha ampla información gráfica, bibliográfica e documental ; o Partido galeguista en Lugo 1931-1936: a  constitución do Partido Galeguista en Lugo e o seu avance e consolidación na etapa en que Ben-Cho-Shey preside o Grupo local, con documentos inéditos, e a Sociedade e cultura en Lugo 1918-1968, unha cronoloxía da vida social e cultural de Lugo, nos 50 anos claves da traxectoria vital e intelectual de Ben-Cho-Shey, acotada por dous anos simbólicos: o 1918 no que se celebra en Lugo a Asemblea Nacionalista auspiciada polas Irmandades das Fala e o 1968, ano de efervescencia política e cultural, no que Ben-Cho-Shey declara no TOP (Tribunal de Orden Público) a favor de tres mozos lucenses (detidos en Madrid a finais do ano anterior pola campaña “Libertade pra Galicia”.

Os anos lugueses de BEN-CHO-SHEY

Hai 76 anos, o 28 de xuño de 1936, vinte días antes do alzamento militar fascista, celebrouse o plebiscito do Estatuto de Autonomía de Galiza. Na campaña do Estatuto en Lugo participa moi activamente un home que reside nesta cidade por motivos profesionais   dende comezos do ano 35: Xosé Ramón e Fernández-Oxea, coñecido como Ben-Cho-Shey, pseudónimo que adoptara para asinar as súas crónicas da guerra de Marrocos publicadas no xornal La Zarpa en 1922.  Ben-Cho–Shey  é elixido pouco despois da súa chegada a Lugo  presidente do Partido Galeguista. No exercicio do seu cargo político desenvolve, nesta cidade e por toda a provincia, un inxente labor na organización interna do partido e na difusión do seu ideario: é candidato por Lugo nas eleccións ás Cortes republicanas de febreiro do ano 1936 e traballa infatigablemente na campaña  do Estatuto ao fronte dun xa nutrido e entusiasta grupo de militantes da agrupación galeguista de Lugo, con sede na rúa do Miño,  no que están entre outros moitos: Ánxel Fole, Ramón Piñeiro, Lorenzo Varela, Servando Gómez Aller de la Vallina, Antón Figueroa, Pepe Pimentel,  Teolindo Corredoira, Emilo Gil Varela…

Cando é destinado a Lugo como inspector de Primeira Ensinanza, despois de exercer o maxisterio en Cariño e Santa Marta de Moreiras, Fernández-Oxea xa desenvolvera un frutífero e moi amplo labor  intelectual,  plasmado fundamentalmente na súa activa participación nas Irmandades da Fala e no Seminario de Estudos Galegos, e xa tiña adquirido tamén un sólido prestixio intelectual  coa publicación de numerosos estudos e artigos sobre os máis variados temas (creación literaria, historia, arte, arqueoloxía, etnografía, lingüística, política…)  en xornais e revistas como:  La Zarpa, Galicia, La Voz de Ortigueira, Vida Gallega, Heraldo de Madrid, La Región, Faro de Vigo, Galicia, Nós, A Nosa Terra, Céltiga, A Fouce… Tamén viaxara por Europa despois de obter unha bolsa das catro Deputacións galegas outorgada para completar a súa formación pedagóxica.

 

Os sucesos de xullo do 36 collen a Ben-Cho-Shey en Lugo e,  neses funestos días, deixa escrito nun diario as súas vivencias daqueles momentos tráxicos nos que a súa vida corre un serio perigo. Nas páxinas dese diario inédito narra cunha lucidez extraordinaria os sucesos que se viven na cidade e as noticias que lle van chegando dende outros lugares de Galiza, algunhas tan terribles como os asasinato de Bóveda ou Díaz Baliño  ou outros acontecementos, como a desafección dalgúns  “irmáns” na causa,  que producen nel, un home en extremo bondadoso e tranquilo, sentimentos de profunda indignación e carraxe: “…por eso ten menos espricación esta barbarie feixista, iste terror feroz que se desencadena sobre a nosa desdichada terra. Dende que estas bestas se apoderaron violentamente do mando comenzou o imperio da inxustiza, do horror, do desbaraxuste, do latrocinio e de toda-las calamidás imaxinables”.

 

De Lugo sairá no verán de 1937, fixo no pasado agosto setenta e cinco anos,  cara o desterro a terras de Estremadura, despois de ser depurado suspendido de emprego e soldo durante tres meses e de deixar precipitadamente os mobles do seu domicilio de Lugo na casa do seu amigo Uxío Campo no Val do Mao.  Nos anos corenta participa activamente na reorganización do Partido Galeguista  no que militará ata a súa liquidación. Instalado definitivamente en Madrid segue a desenvolver un intenso labor cultural e ideolóxico, naqueles tempos sombríos, promovendo  centos de iniciativas, nomeadamente en defensa da lingua galega,  a través do Clube de Amigos da Unesco, o Centro Galego e en contacto directo cos mozos nacionalistas  dos Grupos Castelao e Brais Pinto, dos que se pode considerar o seu verdadeiro mentor.

 

A  figura extraordinaria de Ben-Cho-Shey non foi aínda  recoñecida en toda a súa dimensión. Sirvan as  palabras certeiras de Xosé María Álvarez Blázquez para situármonos: “Ben-Cho-Shey é o galego máis galego que teño conocido. Atesoura a xenerosidade dun Otero Pedrayo, o entusiasmo dun P. Sarmiento, a sabencia folklórica dun Risco, o patriotismo dun Castelao. Se houbese que facer un desfile de galeguismo, Ben-Cho-Shey sería o abandeirado. “

BEN-CHO-SHEY. 50 anos de maxisterio cultural (1918-1968)

Xosé Ramón e Fernández-Oxea ( Ben-Cho-Shey) (Ourense, 1896- Madrid,1988)

Pedagogo, inspector de Ensino, xornalista, etnógrafo, arqueólogo, historiador, poeta, folclorista, narrador, lingüista, político comprometido co galeguismo dende a mocidade, republicano e antifascista,  membro das Irmandades da Fala e do Seminario de Estudos Galegos, do Partido Galeguista (do que foi Presidente en Lugo), figura ponte entre a Xeración Nós e as xeracións posteriores, intrépido promotor e defensor da fala,  mentor e guía da mocidade galega en Madrid, nos anos 60 e 70 do século pasado, mestre, nas aulas e na vida, MESTRE no mellor e máis amplo sentido da palabra. Todo iso foi Ben-Cho-Shey pero a todo iso non podemos reducir o enorme legado que nos deixou aos galegos, pois como deixou escrito Ánxel Fole : “Nos seus labres o tema da Galiza era inesgotábel “ .

Ademais e por riba de todo, Xosé Ramón e Fernández Oxea, Ben-Cho-Shey,  foi un home xeneroso e bo, a súa bondade era paradigmática e sobre esa virtude súa podemos recoller centos de testemuños das persoas que o trataron e sempre obtiveron del aquilo que lle pediron. Acudimos de novo ás verbas de Fole porque describen con claridade fulgurante esas dúas calidades súas: o seu maxisterio e a súa bondade. Fole lembra os anos lugueses de BCS e dinos: “Das conversas con Ben-Cho-Shey tódolos rapaces saían máis  afincados nos seus sentimentos de galeguistas. O seu maxisterio, a iste respeito, non puido ser máis facedeiro. Sempre convencía e anortaba. Todos os que o tratabamos contábamolo entre os galeguistas cen por cen. E todos conviñamos na crencia de que non era doado batir cun home tan bondadoso.”

Xosé Ramón e Fernández-Oxea naceu en Ourense en 1896 e finou en Madrid en 1988. O seu pai era Pío Ramón, prestixioso mestre ourensán, amigo de Otero Pedrayo, como dá testemuño o Libro dos amigos de Otero Pedrayo, e deputado provincial en Ourense, nos anos 35 e 36, polo Partido Galeguista. Moi novo comezou a publicar contos e artigos no xornal fundado por Lamas Carvajal O Tío Marcos da Portela, co pseudónimo de Xan Fouciño. O bo alcume de Ben-Cho-Shey, co que sería xa para sempre coñecido, comezou a usalo en 1921 para asinar as crónicas que mandaba a La Zarpa, dende Marrocos. E de alí  en diante usouno sempre. Sendo mestre de primeira ensinanza obtivo unha bolsa das catro deputacións galegas para mellorar a súa formación pedagóxica nunha estadía en Francia e Bélxica en 1928. Pertenceu ao Seminario de Estudos Galegos, ás Irmandades da Fala e ao Partido Galeguista, colaborou nalgunhas das máis prestixiosas publicacións e xornais daquela época: Nós, Céltiga, A Nosa Terra, Galicia, A Fouce, Heraldo Orensano, El pueblo gallego…

Cando chegou a Lugo en 1935, no seu primeiro destino despois de aprobar as oposicións de inspector de ensino, xa tiña unha consolida posición como intelectual e centos de traballos publicados sobre os máis diversos temas, nas cabeceiras citadas e noutras moitas, tanto de creación literaria como de historia, arte, etnografía, política…; xa tiña realizado tamén o seu monumental traballo sobre a parroquia de Santa Marta de Moreiras, na que fora mestre, probablemente a súa obra cume, que non viu a luz ata o ano 1969 da man das Edicións Castrelos e participara activmente tamén en case todos os traballos colectivos do Seminario de Estudos Galegos.

Establecido en Lugo continua a súa actividade cultural e de divulgación e entrégase, segundo se pode comprobar na correspondencia que mantén neses anos, a unha intensa actividade política, na organización local do Partido Galeguista do que é elixido Presidente e conselleiro do Consello Nacional en representación da zona de Lugo. Servando Gómez Aller era o Secretario local e Ánxel Fole era o Secretario de zona. É candidato polo Partido nas eleccións ás Cortes de Febreiro do 36 e participa activamente na campaña a prol do Estatuto de Autonomía nos meses anteriores ao plebiscito do 28 de xuño de 1936.

A alegría da aprobación do Estatuto durou pouco. O 18 de xullo do 36 Ben-Cho-Shey está en Lugo e escribe un diario que abrangue dende o día 19 de xullo ao 21 de agosto, un testemuño lúcido e tráxico daqueles momentos de terror feroz, como el di nun páxina solta deste diario, escrita probablemente algo máis tarde, no ano 37: “Dende que estas bestas se apoderaron violentamente do mando comezou o imperio da inxustiza, do horror, do desbaraxuste, do latrocinio e de toda-las calamidás imaxinables”.

Ben-Cho-Shey sae de Lugo no verán do 1937 destinado forzosamente a Cáceres, despois dun expediente de depuración que lle supón, como mal menor, unha suspensión de emprego e soldo e o desterro. Antes da marcha ten que deixar precipitadamente os mobles da súa casa de Lugo no domicilio dos seus amigos do Val do Incio, Maruxa Domínguez e Uxío Campo. En Estremadura desenvolverá tamén un interesante traballo cultural, nos eidos da investigación arqueolóxica e etnográfica, ata o punto de que o Museo de Cáceres lle dedicou unha sala. E dende alí e dende Madrid, segue a traballar na reorganización do Partido Galeguista no que militará ata a súa liquidación.

Ramón e Fernández-Oxea fixou a súa residencia definitivamente en Madrid nos anos 50, aínda que xa instalara nesa cidade, coa súa dona Isabel Algarra, o seu domicilio familiar a partir de 1942. Dende alí exerceu un importante labor cultural: foi representante da editora Galaxia e directivo do Centro Galego de Madrid, ademais de membro correspondente de diferentes sociedades e academias, entre elas, a Real Academia Galega e a Real Academia da Historia. Un dos aspectos máis destacado de Ben-Cho-Shey, nesta etapa, é o seu papel de fío condutor entre a xeración de vellos galeguistas e os nacionalistas máis novos (os grupos Castelao e Brais Pinto, a Asociación de Amigos da Unesco…).

Dentro da súa faceta literaria cultivou tanto a prosa como o verso en obras como: Berzas (1953), Andrómenas (1954), A ducia do Frade (1966) e Contos do Fiadeiro (1973). O libro homenaxe Galicia no corazón  (1977), coordinado polos profesores Alonso Montero e Alonso Estravís, recolle unha interesantísima escolma dos seus textos xornalísticos.

Morre en Madrid en 1988, poucos días despois do falecemento da súa muller, Isabel Algarra. As súas cinzas foron depositadas no cemiterio da San Francisco en Ourense.

 

O Ano Ben-Cho-Shey

O Ano Ben-Cho-Shey é unha aposta da Área de Cultura da Deputación de Lugo pola recuperación da memoria histórica que servirá para facer un percorrido pola actividade política e cultural de Xosé Ramón e Fernández-Oxea, Ben-Cho-Shey, especialmente entre os anos 1935-1937, nos que residiu en Lugo. As actividades encadradas no Ano Ben-Cho-Shey véñense desenvolvendo dende o mes de xuño do ano 2012 e terán continuidade ao longo do primeiro semestre do 2013, coincidindo co 75 aniversario do seu desterro a Estremadura dende a cidade de Lugo.

A exposición

Iniciase cunha recreación da Campaña a favor do Estauto de autonomía de 1936 baseada na documentación gráfica e os testemuños escritos daquel momento, fundamentalmente nas fotos tomadas por Ben-Cho-Shey na cidade de Lugo e en distintas localidade da provincia.

A mostra estruturase en 4 apartados:

  1. Fotobiografía : un percorrido cronolóxico pola vida de Ben-Cho-Shey con máis dun cento de fotografías e ilustracións.
  2. Andar e aguzar. Os traballos e os días de Ben-Cho-Shey: As distintas vertentes do seu labor como polígrafo, cunha ampla información gráfica, bibliográfica e documental ( o escritor, o xornalista, o etnógrafo, o arqueólogo, o político…)
  3. O Partido galeguista en Lugo 1931-1936. A constitución do Partido Galeguista en Lugo e o seu avance e consolidación na etapa en que Ben-Cho-Shey preside o Grupo local. Documentos inéditos: O Diario de Lugo de 1936, correspondencia co Comité Executivo do Partido, con militantes de distintas localidades, carta de Ben-Sho-Shey a Castelao dende Lugo, propaganda política orixinal da época e varios documentos gardados nun Arquivo clandestino polo Secretario do Grupo Local de Chantada, Leonardo Fernández Souto.
  4. Sociedade e cultura en Lugo 1918-1968. Unha cronoloxía da vida social e cultural de Lugo, nos 50 anos claves da traxectoria vital e intelectual de Ben-Cho-Shey, acotada por dous anos simbólicos: o 1918 no que se celebra en Lugo a Asemblea Nacionalista auspiciada polas Irmandades das Fala e o 1968, ano de efervescencia política e cultural, no que Ben-Cho-Shey declara no TOP (Tribunal de Orden Público) a favor de tres mozos lucenses detidos en Madrid a finais do ano anterior pola campaña “Libertade pra Galicia”.

 Lugar da exposición:

Sala de Exposicións Temporais do Museo Provincial de Lugo
Praza da Soidade, 7
Lugo

Datas da exposición:

14 de febreiro de 2013 a 20 de maio de 2013

Nota.- A maior parte da documentación orixinal presente na exposición así como da documentación gráfica reproducida nos seus contidos foi cedida pola Biblioteca da Deputación Provincial de Ourense, que conserva entre os seus fondos o Arquivo Ben-Cho-Shey.

A exposición vai tomando corpo

Os traballos da montaxe expositiva están cada vez máis avanzados e todo estará listo para a inauguración o 14 de febreiro, ás 20:00 horas. Unha mostra que vai permanecer aberta ao público ata o 20 de maio de 2013 na Sala de Exposicións do Museo Provincial de Lugo. Só quedan 3 días!

Obradoiros de creatividade

pequeamigos-ben-cho-shey

O vindeiro día 13, mércores, dará comezo no Museo Provincial de Lugo unha nova quenda dos OBRADOIROS DE CREATIVIDADE. Nesta edición, unha parte do obradoiro estará dedicada á figura do ilustre galeguista Ben-Cho-Shey.
Dirixidas aos integrantes do Clube Pequeamigos da Rede, estas actividades terán lugar todos os mércores (de 18:00 a 19:30 horas) e sábados (de 12:00 a 13:30 horas) no Museo Provincial de Lugo, mentres que no resto dos museos da Rede Museística (Museo Provincial do Mar, Museo Fortaleza de San Paio de Narla e Pazo de Tor) só se celebrarán os sábados.

Convocatoria roda de prensa

Acto:
– Rolda de Prensa, presentación aos medios da exposición sobre Ben-Cho-Shey.

Lugar: Museo Provincial de Lugo.
Data: Xoves, 7 de febreiro.
Hora: 12:00 horas.

Asisten:
– Mario Outeiro, deputado delegado da Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo.
– Xan Ramiro Cuba, comisario da exposición.