Acceso profesionais

Presentouse a mostra Ben-Cho-Shey. 50 anos de maxisterio cultural (1918-1968)

Presentouse a mostra Ben-Cho-Shey. 50 anos de maxisterio cultural (1918-1968)

Mario Outeiro, delegado de Cultura e Turismo da Deputación, presentou, esta mañá, a exposición ’Ben-Cho-Shey. 50 anos de maxisterio cultural (1918 -1968)’ acompañado de Xoán Ramiro Cuba, comisario da mostra, a cal que se poderá visitar na Sala de Exposicións Temporais do Museo Provincial de Lugo dende o vindeiro 14 de febreiro até o 20 de maio.

Esta exposición enmárcase nos actos de celebración do Ano Ben-Cho-Shey, que constitúe unha aposta da Vicepresidencia da institución provincial pola recuperación da memoria histórica servindo, tamén, para facer un percorrido polo legado cultural de Xosé Ramón e Fernández – Oxea, Ben-Cho-Shey, principalmente, entre os anos 1935 e 1937 nos que residiu en Lugo.

Desde o pasado mes de xuño a área de Cultura vén desenvolvendo toda unha serie de actividades en homenaxe a Ben-Cho-Shey, que terán continuidade ao longo do primeiro semestre deste ano coincidindo co 75 aniversario do seu desterro a Estremadura e coas que, segundo explicou Mario Outeiro, preténdese “recuperar o legado cultural deste pedagogo, xornalista, etnógrafo, arqueólogo, historiador, poeta, lingüista e político comprometido co galeguismo e co país. Queremos que Galiza coñeza esta figura tan inxustamente esquecida pero que traballou sempre por amor a Galiza cun compromiso esforzado e inquebrantable.”
“A historia de Lugo –continuou o delegado de Cultura- non se pode entender sen comprender o devalar da estancia de Ben-Cho-Shey na provincia e eliximos, precisamente o Museo Provincial de Lugo para presentar e organizar esta mostra porque representa a creación cultural, xunto a Galaxia, máis importante daquel galeguismo resistente no período franquismo, etapa na que Ben-Cho-Shey tivo un papel fundamental xunto con outros defensores do país como  Alvaro Xil, Antón e Xosé Fernández e o Secretario xeral do vello Partido, o Irmán Gómez Román que dicía Castelao.”

Desde a área de Cultura insístese na importancia de recuperar o labor intelectual de Ben-Cho-Shey  plasmado na súa activa participación nas Irmandades da Fala e no Seminario de Estudos Galegos así como nas numerosas publicacións e artigos sobre os máis variados temas.

Outeiro rematou a súa intervención animando a visitar esta mostra, “necesaria para coñecer a historia do país e lembrar esta figura extraordinaria aínda non recoñecida en toda a súa dimensión. Cómpre recordar as palabras de Xosé María Álvarez Blázquez para situármonos: “Ben-Cho-Shey é o galego máis galego que teño coñecido. Atesoura a xenerosidade dun Otero Pedrayo, o entusiasmo dun Padre Sarmiento, a sabencia folklórica dun Risco, o patriotismo dun Castelao. Se houbese que facer un desfile de galeguismo, Ben-Cho-Shey sería o abandeirado”.

Pola súa banda, o comisario, Ramiro Cuba, explicou que a mostra iníciase cunha recreación da Campaña a favor do Estatuto de autonomía de 1936 baseada na documentación gráfica e os testemuños escritos daquel momento, fundamentalmente nas fotos tomadas por Ben-Cho-Shey na cidade de Lugo e en distintas localidade da provincia.

A exposición  estruturase en 4 apartados: Fotobiografía, un percorrido cronolóxico pola vida de Ben-Cho-Shey con máis dun cento de fotografías e ilustracións; Andar e aguzar, os traballos e os días de Ben-Cho-Shey: unha recompilación de traballos que mostran as distintas vertentes do seu labor como polígrafo, cunha ampla información gráfica, bibliográfica e documental ; o Partido galeguista en Lugo 1931-1936: a  constitución do Partido Galeguista en Lugo e o seu avance e consolidación na etapa en que Ben-Cho-Shey preside o Grupo local, con documentos inéditos, e a Sociedade e cultura en Lugo 1918-1968, unha cronoloxía da vida social e cultural de Lugo, nos 50 anos claves da traxectoria vital e intelectual de Ben-Cho-Shey, acotada por dous anos simbólicos: o 1918 no que se celebra en Lugo a Asemblea Nacionalista auspiciada polas Irmandades das Fala e o 1968, ano de efervescencia política e cultural, no que Ben-Cho-Shey declara no TOP (Tribunal de Orden Público) a favor de tres mozos lucenses (detidos en Madrid a finais do ano anterior pola campaña “Libertade pra Galicia”.

Descargas:
Ben-Cho-Shey.50 anos de maxisterio cultural (1918-1968)

Galería de imaxes:

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s