Aquí vén a terceira entrega de Andar e aguzar dedicada á investigación e recolleita feitas por Ben-Cho-Shey no campo do patrimonio inmaterial. Tiramos de novo do libro Santa Marta de Moreiras, sin esquecer que Fernández-Oxea espallou ducias de traballos similares en diferentes publicacións durante a súa vida. Logo de cantigas de reis e contos, é o momento dos refráns populares.
REFRÁNS
Amigo que non sirve e coitelo que non corta o perdelo pouco importa.
Ano de ameixas, ano de queixas.
Antes son os meus dentes que os meus parentes.
A rico non debas e a pobre non prometas.
Ben sabe o demo a quen atenta e a besta a quen leva.
Cando a canavela berra, marcha, galego, prá terra.
Dalle Dios pano a que non ten nocas.
Febreiro quente trai o diablo no ventre.
Lúa nova con tronada, vinte días de xornada, e si ós vinte non paróu hasta os sesenta chegóu.
Máis caga un boi que cen anduriñas.
Malos camiños non levan a boas terras.
Na terra dos lobos oubear como todos.
Non hai atallo sin traballo, nin rodeo sin paseo.
Non se pescan as troitas cas bragas enxoitas.
O mozo ben criado non fala máis que cando é perguntado.
Onde moitos cuspen, lama fan.
O grao temperao, ou palla, ou grao.
O que che é burro, tanto é eiquí como en Lugo.
O que lonxe vai casar, chata leva ou vai buscar.
O que moito mente, vai ó inferno de repente.
O que se pon debaixo da folla dúas veces se molla.
O que torto nace, tarde ou nunca endereita.
Ovella que berra, bocado que perde.
Rubieas ó mar, vellas a soellar.
Sardiña que o gato leva ben lambidiña vai.
Si con malvas te curas, pouco duras.
Si queres entrecosto, ceba o marrau no Agosto.
Vale máis un remendo mal posto que un burato ben feito.
Viño, que salte; queixo, que chore; pan, que cante.
Xiada na lama, auga na cama.
O que cala amola a quen fala.
(Da tradición oral, recollido por Xosé Ramón e Fernández-Oxea, Ben-Cho-Shey en Santa Marta de Moreiras, 1969)

Santa Marta de Moreiras, capa