Arquivo por etiquetas: Cotá

Carta de Servando Gómez-Aller. Agosto de 1935. O grupo de Cotá

Hoxe, na sección Cartas e Documentos do Arquivo Ben-Cho-Shey vamos ver a carta que Servando Gómez-Aller lle envía a Ben-Cho-Shey días despois do día de Galiza de 1935. Gómez-Aller fai notar o éxito que tivo o panfleto, logo explícalle o decorrer de varios mitins e por último comenta aspectos organizativos dos mitins que están a programar no futuro inmediato. Destacan as novas sobre a proposta de creación dun grupo local do Partido Galeguista na parroquia friolesa de Cotá, ou o control ao que o Gobernador os somete en algúns actos. Ademais da dixitalización e transcrición da carta temos a nota de prensa  n’A Nosa Terra no que se cita o nomeamento da nova directiva do recente  Grupo Galeguista de Cotá.

Carta de Gómez-Aller do 6 de agosto de 1935 (parte 1)

Carta de Gómez-Aller , 6 de agosto de 1935 (parte 1)

Carta de Gómez-Aller do 6 de agosto de 1035 (parte 2)

Carta de Gómez-Aller, 6 de agosto de 1935 (parte 2)

Transcrición:

“6 – 8 – 35.

Sr. Don. Xosé Ramón Fernandez Oxea.

Ourense

Distinguido irman: Perdoneme amigo Oxea, a miña tardanza en i-e contestar a sua derradeira carta; pro-e valga n’a miña disculpa a actividade particular e n’o partido que tiven que desenrolar istes días atrás.

 Xa sabera como transcurreu o dia d’a Patria, estivo mui ben; craro esta que c’a escursión quedou limpo, o caseque limpo Lugo de galeguistas.

 O vintaoito que pasou suspendeunos o Gobernador o mitin en Santa Marta; pro-e o día 2 demos o de Friol, que estivo moi ben. Decentou Teolindo Corredoira que quedou perfeitamente; falamos Fole i-eu. Alí mesmo falamos c’os de Cotá que queren facer un grupo e formalizamos o mitin n’a dita aldeia pra o 18 diste mes.

 Unha gran noticia: O proisimo domingo e case seguro que celebro n’o Teatro Principal de Villalba un gran mitin, n’o que falaremos o trio de Friol, pr-e desexariamos que pra ise dia estivese vostede eiqui. ¿Poderá sere?.

 Teñolle gardados uns cantos exemprares do folleto que fixemos en Lugo; gustou moito, i-os anunciantes pagaron ben.

 O novo notario aínda non veu, e Primitivo R Sanxurxo ¿cando ven?

 Unha cousa que me esquencín: n’o mitin en Friol concentrouse por orde do Gobernador moita guardia civil, e foi un delegado gubernativo, que de contado simpatizou con nos, e mais co coñac que Rubiños lle daba.

 Os recibos foron postos ao cobro o mesmo día primeiro as 9 da mañan i pra que logo diga!

 Boeno amigo, Ben-Cho-Shey, nada mais, Lembranzas a sua dona i-os irmaus d’Ourense; pra

vostede lembranzas de todos i-unha aperta

S Gómez-Aller (sinatura)”

Folla d'A Nosa Terra 15 de maio 1936. Nota do Grupo de Cotá

Folla d’A Nosa Terra 15 de maio 1936. Nota do Grupo de Cotá

Non esquezades saciar a vosa curiosidade sobre este e outros proxectos na  páxina do Museo Provincial de Lugo