Arquivo por etiquetas: diario 1936

O diario de Ben-Cho-Shey. As notas finais do 1936 e 1937

O día 21 de agosto, Xosé Ramón e Fernández-Oxea deixa de escribir no diario. Fará dous breves e tráxicos apuntamentos a xeito de síntese e epílogo. O primeiro, a finais do ano 1936 (non determina a data) e o segundo a finais de xaneiro de 1937. Xusto antes e despois do seu proceso de depuración, resolto coa suspensión de emprego e soldo e o desterro a Estremadura. Na exposición tedes o orixinal do expediente de depuración. Nunca na súa vida volvería a ter domicilio fixo en Galicia nin a traballar oficialmente nela.

Apuntamentos finais do diario de 1936

Apuntamentos finais do diario de 1936

Transcrición dos apuntamentos de finais do 1936:

“(…)

 Deliberadadamente deixei de tomar notas sobre a salvaxe revolución que asolaga o país; o rematar o ano o balance non pode ser mais desatroso e o número das mortes pasa de varios milleiros e o peor e que non se axexa o fin de esta tolice.

O pobre Blanco Torres caiu, como eu temía, asesinado n-unha estrada, e como il o Xacinto Santiago, o Elixio Nuñez, un comandante de carabineros e outro infeliz a quenes foron matar no Rodicio o día de Santos. O nombrar a todol-os asesinados sería interminable.

Mais con ser feroz e inhumán o dos asesinatos nos camiños, é mais refinado ainda a ficción dos consellos de Guerra nos que decote condenan a homes inocentes como Vega, Perez, Ramos, Abelairas e o Gobernador, entre os de Lugo e Victor Casas, Caamaño, Novás e mil e mil mais.”

Nota de 1937, parte 1

Nota de 1937, parte 1

Nota de 1937, parte  2

Nota de 1937, parte 2

Transcrición da nota de 1937:

“O feixismo e a cousa mais perturbadora que se pode un maxinar.

 A Galicia vivía en paz, eiquí non había o problema da terra, o paro obreiro era casi descoñecido, pouco a pouco ianse encarrilando as cousas e a promesa da autonomía puña espranzas nos corazós mais pesimistas. Por outra parte o conflicto relixioso non eisistía entre nos, onde os cregos gozaban de toda clas de respetos e ninguén se metía con iles, como confesaban os seus mesmos xornaes nos primeiros dias de xulio.

Os mismos feixistas non tiñan direito a queixarse do trato que se lles daba.  A Repúbrica respetou nos seus cárregos a todol- os cibdadáns sin lles preguntar que ideias tiñan; había pan pra todos e incruso podían conspirar contra o réxime sin que perigrasen as plazas respectivas. Por eso ten menos espricación esta barbarie feixista, iste terror feroz que se desencadeou sobre a nosa desdichada terra.

 Dende que estas bestas se apoderaron violentamente do mando comenzaron o imperio da inxustiza, do horror, do desbaraxuste, do latrocinio e de todal- as, calamidás imaxinables. Xentes pacificas de orden foron asesinadas pretestando que eran marxistas; homes encanecidos que deixaron o millor da sua vida no servicio do Estado vense desbotados dos carregos que ganaron co seu estudio e que honraron co seu talento; humildes xentes do agro vense roubadas e asadas a multas e depredaciós. En troques os sinvergonzas, os señoritos chulos e inútiles, os inmoraes, os funcionarios ineptos, os caciques indignos e canallas son protexidos i empoleirados pol-os “salvadores de España”. ¡Que digo protexidos! Iles mismo son os que dirixen e controlan esta subversión onde toda inmoralidade ten acollida.

 Así se ven a cotío istes desoladores exempros de menciñeiros ignorantes e sin clientela que acusan e non calan ata matar a compañeiros seus que se acreditaron pol-a sua valía e pol-a sua cencia; de mestres vagaceiros que endexamais traballaron nas escolas, preferindo os infelices a quen a sua vocación os levou a un verdadeiro apostolado do ensiño; de señoritos analfabetos que endexamais foron capaces de conquerir un emprego pol-o seu esforzo intelectual, arrempuxando a probes funcionarios pra ocupar iles os seus lugares, e así podríase seguir ata perdel-a pacencia.

 De eiqui a nosa afirmación de que o feixismo é destructor e inmoral ¡E pra instaurar un réxime tan noxento, valía a pena de asumir o pais na ruina e sacrificar tanto milleiros de vidas inocentes!

 Teño unha fé grande no trunfo do Goberno legal da Hespaña i esta miña fé non é unha cousa caprichosa, é filla e consecuencia da miña fé na eisistencia de un Deus xusto, de un Deus que premia ben e que castiga o mal. É por iso que Deus non pode axudar os criminaes e os ladrós; é por iso que Deus ten que condenar tanto asesinato de inocentes, tanto roubo e tanto inxustiza como se veñen cometendo dende que se produxo iste movemento “salvador”.  ¿Como é posible que un Deus que ordeou terminantemente: “non matarás” aprobe as mortes e os martirios que a cotío se fan? ¿Como poderá ser que un Deus que puxo no seu Decalogo o mandato “Non xurarás en vano no meu nome” deixe sin castigo os militares perxuros que faltando o seu honor e o seu xuramento traicionaron o Goberno pra dar lugar a esta horrenda matanza que sufrimos?

 Non, un Deus xusto, un Deus bon, como aquel en quen eu creo, non pode, xa non favorecer, nin xiquera aprobar tanto disparate, tanto mal; un Deus remunerador, de por forza ten que castigar o perxurio e o asesinato. Velaí o por qué da miña fé no trunfo defintivo do Goberno.

 29 de xaneiro de 1937

 Hoxe había na porta do Circulo un gran letreiro que rezaba: “Matando en la sombra”. Parecía un anuncio das fazañas feixistas e dos crimes que a cotío levan a cabo; nada mais axustado a realidade. Aquil letreiro era toda una elexía e unha evocación. As veces as peliculas teñen grandes acertos ainda que non sexa mais que no tídoo

 27 de xaneiro. Viaxe á Barrela.

28. Fusilamento do mestre de Muras.”

Non esquezades saciar a vosa curiosidade sobre este e outros proxectos visitando a páxina do Museo Provincial de Lugo.

O diario. A sublevación de 1936

Un dos documentos orixinais incluído na mostra é o manuscrito do diario de 1936. Xosé Ramón e Fernandez-Oxea comezouno ao día seguinte ao estalido da sublevación militar do 18 de xullo de 1936. Nel, e durante varias semanas, Ben-Cho-Shey escribe o testemuño estarrecedor da represión xenocida e o medo feroz que en Lugo e en Galicia os “nacionales” instauran dende o comezo da guerra. No diario de Lugo debuxa o escenario politico e social do seu presente inmediato cunha claridade única. Deixará de escribilo por obvios motivos de seguridade. No 1939, xa no desterro en Cáceres, recupera o hábito de escribir un diario, rutina que continuará durante os anos corenta.

O diario de Ben-Cho-Shey é a sección que teremos os mércores, até o 16 de maio, no blog da exposición. Nela subiremos fragmentos dos diarios, acompañados dunha imaxe da páxina manuscrita onde se atopa o fragmento. Como o Servizo de Publicacións da Área de Cultura da Deputación de Lugo vai editar o diario do 1936 xunto á folla de 1937, só  publicaremos aquí o comezo e o final do diario, como pequeno adianto do diario completo. A sección continuará con fragmentos dos diarios dos primeiros corenta, igual de interesantes.

Comezamos coa conclusión de Ben-Cho-Shey á exposición de antecedentes  que desencadenaron a sublevación militar de 1936.  Aparecen tamén as anotacións dos días 19 e 20 de xullo de 1936.

Diario manuscrito de Ben-Cho-Shey. Xullo de 1936

Transcrición:

“(…)

Pra min é un exemplo fatal e suicida.

 E como se repite a Historia. Pasaron cen anos e seguimos co mismo réxime de cuarteladas do século XIX. Non variou mais que o nome dos xenerales que se sublevan . É triste que Hespaña non poida pasar sin este sarampelo cuartelero que de vez en cando pon en perigro a paz do país; i é mais triste ainda si se considera que, namentras os exércitos euopeos ben orgaizados, co prestixio de vencedores en grandes guerras ou o de conqueridores de vastos imperios colonaes, namentras digo, istes exércitos son respeitosos co poder civil, e acatan a vontade popular dos seus veciños, e non conciben que un militar poda actuar fora do cuartel ou do campo de batalla, iste noso exército vencido decote dende Rocray pra acá, iste noso exército que desapareceu diante de Napoleón e correu diante de Abd-el-Krim, somentes teña pulos diante do pobo indefenso e se sinta heroico ante os seus irmans inermes. ¡Cativo sino o da nosa Patria! En todo o longo da miña vida ainda non ouvin unha soia vegada falar en nome da Patria ou de patriotismo, como non fose pra esnaquizala ou pra facer falcatruadas. Istes de agora tamén se chaman o exército salvador e tamén comenzan a desbrozar a Hespaña co pretexto de poñela millor, cando o que todos teñen non é mais que un inmoderado afán de mando; Probe Hespaña!

 Día 19

Iste domingo advírtese nerviosidade na xente. Todos quixeran adiviñar o pensamento dos outros e saber o que vai pasar. Moitas cábalas, moitos presaxios e moito abandono por parte das autoridades que nin toman precauciós nin se preocupan do que podía ocurrir. O Goberno Civil está cheo de xente que co pretexto de ofrecerse vai espiar e cheirar o que ocurre. Os alí reunidos están preocupados pero non resolven ren. Confíanse nas boas verbas e nas palabras de honor dos militares. ¡Están apañados! Pero que candidez tan grande teñen todol-os liberales hespañoles; sempre anda a boa fé e creen que os demais son como iles. O malo é que non escarmentan e sempre tropezan na mesma pedra.

Día 20

Pol-a mañá chegan os paisanos armados de Monforte para poñerse o lado do Goberno i evitar a sublevación. De Viveiro, de Ribadeo e de outras partes hai iguales ofrecementos que non se aceptan no Goberno Civil. ¡Que contraste entre o fino instinto do pobo e a cobardía das autoridades! Namentras o pobo corre as armas e procura evitar a catástrofe, o Gobernador confíase na palabra que ainda esta mañá lle diu o coronel. (…)”

Non esquezades saciar a vosa curiosidade visitando a páxina do Museo Provincial de Lugo