Arquivo por etiquetas: documentos

Cartas e documentos. Carta do Comité Executivo do Partido Galeguista, xuño 1935

Se a semana pasada viamos unha declaración pública  da posición política do Grupo Galeguista de Lugo ante as eleccións de febreiro do 1936, hoxe vamos ver un documento interno entre o Comité Executivo do Partido Galeguista na voz de Víctor Casas e o Conselleiro Propietario do Grupo Galeguista de Lugo, Xosé Ramón e Fernández-Oxea. Unha carta común no traballo diario do Partido, o que hoxe sería un mail.

Agradecémoslle ao Arquivo Ben-Cho-Shey da Deputación Provincial de Ourense a cesión deste conxunto documental grazas ao que podemos coñecer un pouco máis o día a día  destas importantes persoas do noso pasado recente.

25 de xuño de 1935, comunicación do Comité Executivo do PG, asina  Víctor Casas, a BCS como Conselleiro do Grupo Galeguista de Lugo

25 de xuño de 1935, comunicación do Comité Executivo do PG, asinada por Víctor Casas, a BCS como Conselleiro do Grupo Galeguista de Lugo.

Non esquezades saciar a vosa curiosidade sobre este e outros proxectos visitando a páxina do Museo Provincial de Lugo.

Cartas e documentos. A posición política do Grupo Galeguista de Lugo en febreiro de 1936

O 14 de febreiro de 1936, ante as inminentes eleccións, o Grupo Galeguista de Lugo edita este panfleto no que explica a súa posición política. Nel viñan a sinatura de Servando Gómez Aller e de Xosé Ramón e Fernández Oxea. Pinchade no propio documento para o ler.

Agradecémoslle ao Arquivo Ben-Cho-Shey da Deputación Provincial de Ourense a cesión do conxunto documental  que ilustra a estancia de Fernández Oxea en Lugo.

Panfleto do Grupo Galeguista de Lugo, 14 febreiro de 1936. (parte 1)

Panfleto do Grupo Galeguista de Lugo, 14 febreiro de 1936. (parte 1)

Panfleto do Grupo Galeguista de Lugo, 14 febreiro de 1936. (parte 2)

Panfleto do Grupo Galeguista de Lugo, 14 febreiro de 1936. (parte 2)

 

Non esquezades saciar a vosa curiosidade sobre este e outros proxectos visitando a páxina do Museo Provincial de Lugo.

Cartas e Documentos. A folla de servizos

Aquí tedes a dixitalización da folla de servizos de Xosé Ramón e Fernández-Oxea para o Ministerio de Educación. Nela aparecen os destinos que tivo primeiro como mestre (Cariño, Santa Marta de Moreiras e A Guarda) e logo de inspector (Lugo, Cáceres e Toledo) . Distínguese se os traslados son  derivados de un concurso ou de aprobar unha oposición e tamén unha nota especial coas siglas “O.J.T (Orden de la Junta Técnica)”  que sinala o momento no que, logo do expediente de depuración, a suspensión de emprego e soldo; incorpórase á Inspección de Educación en Cáceres, o 25 de Maio de 1937. Nunha futura edición desta sección mostraremos o expediente de depuración. Agradecémoslle de novo ao Arquivo Ben-Cho-Shey da Biblioteca da Deputación provincial de Ourense e á propia Deputación de Ourense todas as facilidades que nos deron para traballar cos seus fondos documentais públicos.

Lembrade saciar a vosa curiosidade visitando a páxina do Museo Provincial de Lugo

Folla de  servizos (parte 1)

Folla de servizos (parte 1)

Folla  de servizos (parte 2)

Folla de servizos (parte 2)

Carta de Servando Gómez-Aller. O día de Galiza de 1935

Baixo o título Cartas e documentos do arquivo Ben-Cho-Shey, ensinarémosvos parte da documentación que empregamos. Esta sección sairá os venres, até o 18 de maio. Dende aqui agradecémoslle de novo ao Arquivo Ben-Cho-Shey e a Deputación Provincial de Ourense a colaboración e cesión dos documentos que forman a exposición.

Como primeira entrega, temos unha carta de Servando Gómez-Aller de la Vallina, secretario do Grupo Galeguista de Lugo, datada o 19 de xullo de 1935. Nela coméntalle a Xosé Ramón e Fernández-Oxea o estado dos preparativos para as celebracións do día de Galiza de 1935. Na altura, Ben-Cho-Shey xa era o presidente do Grupo Galeguista de Lugo, pero nese xusto momento atopábase de vacacións no domicilio familiar, en  Ourense. Na carta vemos como lle agradece o envío dun  artigo de Otero Pedrayo para incluir no folleto dos actos e detállalle o estado das xestións organizativas do evento. No programa  inclúese un concerto da Banda Municipal de Lugo dende o templete da Praza da República (hoxe Praza Maior). Rapsodia Gallega, Negra Sombra e Muiñeira de Juan Montes ou a Alborada e o Himno galego de Pascual Veiga foron parte do repertorio interpretado.

O folleto foi reeditado, en edición facsímile, en xullo de 2010 polo Servizo de Publicacións da Área de Cultura.

Aquí tedes a dixitalización e a transcrición da carta. Ao final da entrada están a capa e a contracapa do folleto. É unha dixitalización da reedición, na exposición hai un orixinal.

Manuscrito da carta de Servando Gómez-Aller

Transcrición:

“19 – 7 · 35.

Don. Xosé Ramón Fernandez Oxea

Ourense

Distinguido amigo e irman: Hai dias percibin a sua (carta) , acompañada do artigo d’Outeiro Pedraio.

O libriño pra o dia d’a Terra xa está n’a imprenta, i-agora estamos reunindo pra tratare d’excursión a Cruña e Santiago.

A radio comprometina pra as tres sesions: as 2 1/2 darei unha leria, as 6 1/2 haberá un recital de poesia acárrego d’unha rapaza i-as 10 1/2 musica galega. Tamen a Banda Municipal dara un concerto de musica galega, o coro Cántigas i-Aturuxos tamen fará algunhas cousas, como prestare os gueiteiros pra as dianas, cantará n’a radio, etc.

Nada máis qu’istas cousiñas deslabazadas pra i-e dar conta d’a marcha d’os festexos, e pra tranquilizal-o, e vexa que traballamos.

Saudos respetuosos a sua dona e unha aperta

(sinatura) S.Gómez Aller”

Capa do programa do día da Galiza, 1935 (reedición)

Capa do programa do día da Galiza  1935 (reedición de 2010).

Contracapa do programa do día da Galiza, 1935

Contracapa do programa do día da Galiza, 1935 (reedición de 2010).

Como xa é habitual, non esquezades saciar a vosa curiosidade sobre esta exposición e outros contidos visitando a páxina do Museo Provincial de Lugo.