Arquivo por etiquetas: Estremadura

O diario, outono 1940. Unha xornada na vida dun Inspector de 1º ensino

Hoxe no diario Ben-Cho-Shey regálanos o  relato da viaxe feita o 8 de Outubro de 1940. Sae de Cañamero da cabalo, e tras toda a xornada de camiño, escribe un retrato do día a día da posguerra e  da comarca estremeña de “Las Villuercas”.

8 de outubro, 1940

8 de outubro, 1940

8 de outubro, 1940. Parte II

8 de outubro, 1940. Parte II

8 de outubro, 1940. Parte III

8 de outubro, 1940. Parte III

_______________________________________________________

Transcrición:

“8.- Xornada hípica a Berzocana pra donde partimos as 9 da mañá a bon paso. Pra evitar as moitas voltas da estrada metémonos por empinados atallos entre jaras e castiñeiros. O paisaxe é vizoso e moi movido con arbolado abundante i os cabalos camiñan ben i en hora e meia chegamos ao fin da primeira etapa. Denantes de avistar o pobo arrodíllaseme o cabalo sin máis consecuencias que o susto.

Coidei que en Berzocana atoparía cabalos pra seguir a Navezuelas máis todos están traballando e terei que seguircos que trouxen, que por certo están faltos de comida.

Unha das escolas diste pobo está nun local vello, de cuia antigüidade da razón a lumieira da porta, que ostenta a data de 1638. Por riba dela hai unha curiosa pedra con algo así como tallos fosilizados, que seica abundan no pais. A outra ten local novo, pro abandoado.

Inmediatamente despois de xantar saimos pra Navezuelas por un camiño encosta que nos leva a estrada en construcción que ha de conducir a Solana de Cabañas. Mismo ao entrar nela o meu acompañante señálame con terror un valado de pedras no que unha inesquecible mañá do 1938 atopou os cadavres de seis infelices asesinados polos azules que estaban alí deitados e abandoados, espostos a ser pasto dos lobos. Procederon a enterralos piadosamente e un pastor que por alí pasou reconoceu niles a veciños dos arredores. Por todas partes, anque señan terras tan afastadas como estas, fican señaesda barbarie da nosa guerra civil.

Abondan por eiquí castiñeiros, sobreiros, encinas e carballos que lle dan a paisaxe un tono de frescor distinto do ardente das terras áridas e baixas desta provincia. Camiñamos envolveitos nunha nube de moscas que nos atormentan a nos e as cabaleirías. Poucos metros antes de Solana deixamos a estrada pra rubir unha empinada encosta moi traballosa pra os cabalos. O meu arrodillase outra vez e hai que deixalo descansar de cando en vez porque non pode co a súa ánima.

Aló no fondo do val SOlana parece unha aldeiña galega. A esquerda unha liña de corrales, mais a dreita unha cativa praza e despois a eirexa, todo circuídopor verdes hortas que prometen unha vida farta pra os veciños.

Coroamos a primeira liña de eminencias e descemos paseniño ao val por onde a garganta de Santa Lucía que surte de auga potable a Trujillo. En toda esta terra non se ve máis que unha cativa casa de labor illada no monte cara a que van uns rapaciños recadando tres porcos. A poucos de comenzar a subir vemos o embalse i o meu guía dime que no 1938 viñeron os roxos dende Alía e voaron parte da cañería deixando sin auga por tres días aos trujillanos.

Iste regato de Santa Lucía ven ser un dos que orixinan o río Almonte . O val, sumamente estreito fica reducido ao cauce do regato, así que tan pronto o cruzamos voltamos a rubir de novo ata un monto máis outo que o que vimos de pasar. Nas abrigadas hai casiñas como a que vimos ao baixar i están rodeadas de terras labrables arredándose unhas das outras pouco máis de cinco centos de metros. Os que nelas habitan deben levar vida de eremitas.

Dende o cumio da serra vese Navezuelas da outra aba do val deitado na aba da Villuerca. Agora baixamos pra loguo rubir por tereira vez en procura do pintoresco e rico pobo, engastado nun tapiz esmaltado de castiñeiros que por todas partes o cercan.

Casas baixas de pedra, con teitos de madeira tamén baixos e balcós arriquintados. Non se ven por eiquí as enxebres ventas cacereñas. O piso das rúas está feito de croios e hai algunhas perspectivas pintorescas. A situación do pobo fai que abonde en costas e non deixa de ter o seu sabor, sin chegar ao tipismo da Vera. Si as xentesson ocomo o seu pobo hai pra fiar pouco nelas, porqu aquil, sendo rico, aparente unha gran pobreza e non digamos das casas que son máis mouras por dentro que por fora.

Os labregos quéixanse da sequía e gorentan auga pra facer a sementeira e pra que abran os zonchos das castañas. Dende a terra de secano veñen eiquí diariamente as xentes para intercambiar os productos deixando pan e garabanzos en troques de patacas e fabas.

Despois dun paseiño entre lusco e fusco e de longa conversa sobre temas de actualidade ceo cos notables do país e deitome nun cuartiño onde caso dou co a cabeza no teito.”

Non vos esquezades de saciar a vosa curiosidade sobre este e outros proxectos visitando a web do Museo Provincial de Lugo.

O diario de Ben-Cho-Shey. 1939, o día a día no desterro

Os diarios dos primeiros anos da posguerra preséntannos diferentes contidos de importancia. Por unha banda, son uns fermosísimos libros de viaxe pola provincia de Cáceres, principalmente a comarca da Vera; e pola outra un retrato cruel deses primeiros anos tras a victoria dos sublevados. Infraestruturas educativas destinadas a uso militar; material escolar que chega cando xa non é necesario logo de ser obxecto de especulación e de enriquecemento individual; a realidade de delatores e delatados ou viaxes interminables conforman a vida de Fernández-Oxea neses días.

Diario de xuño de 1939

Diario de xuño de 1939

Diario de xuño de 1939

Diario de xuño de 1939

Transcrición:

“Xunio 1939

Co gallo do viaxe a Madrid e a Soria retrasóuseme a vistia das escolas e agora teño que facelas a toda presa. O dia 13 gracias a Civantos fago un percorrido mais que regular:  unha pequena parada en Trujillo e logo adiante. O terreo do Pago de San Clemente ata Herguijuela é rico e frondoso. Visito esta derradeira escola e dali paso a Conquista. Son dos pobos cativos e feos. En Zorita vexo de presa catro escolas e paso de lonxe por Logrosán para xantar en Cañamero. As escolas de este pobo desfíxoas a soldadesca. Canta door ver os destrozos da guerra en edificios tan bos como estes. Cañamero está como mergullado; dondequeira que se mire, non se ven mais que tellados; As Villuercas quedan preto e sinto non ollar Guadalupe.

Pola serán volto a Logrosán: bo edificio; moita argallada; o pobo metido entre montes ten boa campiña. Sigo a Zorita para rematar a visita. Estas escolas parecen paxareiras; ó pobo e ó alcalde sóbranlle escolantes; quixeran botalos. Hai un bo grupo escolar que estivo convertido en Hospital militar. O pobo non me gusta. Merendamos e saimos para Cáceres onde chegamos as once da noite.

Cando xa están preto as vacaciós ocúrreselles mandar os libros do Instituto de España. Como textos son ruis e caros: iste si que é un caso típico de estraperlo. Os libros non valdrán, pero ós escolantes sacáronlles un millón e pico de ptas. Así medra a patria.

O raio dos libros dan que facer e traballo como un peón a facer paquetes. Todo o traballo se acumula nistes derradeiros días de curso.

O día de San Xohan fago outro percorrido longo con Civantos: Trujillo-Ibahernando, que seica é Vivahernando: pobo de protestantes. Santa Cruz de la Sierra, pobo típico, con boa eirexa gótica e casas do XV, deitado o pé da serra.

Desayunamos en Abertura, pobo miserable, representación enxebre da terra árida do sul da provincia. Continuamos ata Alcollarín, que ven a ser polo estilo; de novo pasamos por Zorita e Logrosán, e no camiño que deiquí leva a Cañamero voltamos a ver as obras de un ferrocarril en proyecto e  unha grande ave de rapiña que se ergue o pasar o auto. Rubimos a Berzocana. Según se vai rubindo a paisaxe vaise cubrindo de arboredo e refresca a vecindade das Villuercas. Berzocana é un pobo típico con boa eirexa do século XIV que conten as urnas cos corpos de S.Fulgencio e Sta. Florentina. Baixamos a xantar a Logrosán e seguimos pola serán a Cáceres.

O 26 vou a Madroñera, que xa era un pesadelo para min. O conductor do coche é un botarate que lle fai pelotilla ós militares. Madroñera é un pobo grande como os autos desta terra. Vexo a Lucas na sua casa e admírome de cómo vive iste home. É un verdadeiro asceta dino de admiración; a sua preocupación é o saber. E por iste delito deixárono sin carreira ¡Canta inxusticia, Señor! Paso unha boa seran con Lucas e cos escolantes; conozo ao Segredario que é un bergallo e ceo con un abate capellán de monxas e xogador de tresillo. De maña cedo saio para Cáceres e no auto vai o denunciante de Lucas. É un boticario cacique, home de mala entraña i envexoso de ben alleo; temos longa discusión perante o viaxe e móstrase como intransixente e cerril. Con bestas de iste feitío vai apañado o pais.

Co remate do mes ven o fin dos traballos e a espranza de fuxir para terra. Foi un mes de traballar de firme: 1º o Boletín, logo a visita, despois as memorias e as contas e por fin os  maldisoados libros.”

Non esquezades saciar a vosa curiosidade deste e outros proxectos visitando a páxina do Museo Provincial de Lugo.