Arquivo por etiquetas: etnografía

Os maios

Ben-Cho-Shey foi un grande admirador e estudoso da festa dos maios. E non so iso, tamén participou activamente na organización da festa dos maios de Ourense antes da Guerra Civil.

Hoxe traémosvos á sección Andar e Aguzar este esnsaio sobre esta festa da primavera.
Non esquezades saciar a vosa curiosidade visitando a páxina do Museo Provincial de Lugo

OS MAIOS

 No encetar da Primaveira faise por toda Europa a festa dos Maios con arranxo a diferentes modalidás e distintos ritos, según os países e os costumes, para celebralo comezo da estación frolida, que por algo representan os Maios o trunfo e a renovación da vida. Que nunhas partes sexa o Maio sexa un albre, noutras un home cuberto de ramallos ou unha muller ou un neno vestidos de froles e herbas cheirosas e noutras una cruz, o elemento esencial decote, que non falla en ningures, donde queira e como queira que a festa se faga, son as froles, o musgo e as herbas aromáticas.A palabra Maya quer decir en sánscrito “ilusión” e iste é o verdadeiro significado dos Maios, que son unha festa de ilusión e de ledicia, festa de primaveira e xuventude, festa de tradición renovadora, festa de espranza e de relembro, a festa dos Maios é a exaltación das froles e dos nenos, as dúas cousas que levan un recendo de poesía á prosa do traballo cotián. En Galicia tamén estivo moi espallada a festa dos Maios e adoutou formas diversas. Ata fai pouco mais de sesenta anos pódese decir que se celebraba en toda a nosa terra.

Dos varios lugares nos que se erguía o albre de Maio somente se conserva o costume na vila ourensán de Laza, onde o día 3 prántase na praza do pobo o albre mais outo que os mozos atopen nos montes. Asociada ó albre faise a festa de Adán e mais Eva, que foi estudiada por Vicente Risco, Xaquín Lourenzo e Xesús Taboada. Pró caso escóllese un Adán vello e feo e unha Eva nova e guapa vestida de branco e tocada a cabeza cunha coroa de froles. A moza vai fiando ca roca e o fuso e leva pendurado dun brazo un gueipiño con mazás. O Adán vai na precura da Eva, que está nunha cova feita na praza, e baila adiante dela facendo titiritadas e carantoñas para ver de facela rir, cousa que lle está vedado á rapaza. Logo van xuntos á eirexa, seguidos de varios danzantes e, de que remata a procesión, Adán acompaña a Eva á súa casa.

En Marín enfeitizan os barcos no 1.º de Maio con ramas de xestas frolidas postas no outo do pau maior, para que se non amaien as embarcaciós, costume que trascendeu ós coches que tamén levan nise día xestas marelas postas na dianteira dos autos.

Polo Norte de Galicia estivo moi espallado, deica os derradeiros do século pasado, o costume de sair, no día da festa, nenos vestidos de fiuncho, de néveda e de froles cunha coroa tamén frolecida, a cantalo Maio e recoller aguinaldos. Cada neno ía na compaña doutros cativos, que lle facían o coro. Diste xeito di Figueira Valverde que se celebraba a festa en Santiago, a Cruña, Pontes de Eume, Viveiro, Ribadeo, Mondoñedo, Lugo, Monforte, Castro Caldelas, Carballiño, Ribadavia, etc. O pintor Dionisio Fierros deixounos unha valiosa testemuña de como era o Maio de Ribadeo nun fermoso cadro que foi parar a unha colección particular de Buenos Aires, seguindo o camino da emigración de tantos paisanos nosos.

Daquiles nenos, vestidos de ramallosa e de froles, que eran unha especie de “Rei Maio”, derivaron probablemente os maios de armación nos que un neno se acobilla para cantalo Maio respondéndolle a coro outros rapaces que o rodeian, forma de Maio que é mais usada no Sur de Galicia.Istes maios teñen a feitura de conos, na provincia de Pontevedra, e de pirámides triangulares ou de catro lados, na de Ourense.

Para facelos ían os rapaces roubalas estacas e os adobíos necesarios ás viñas dos arredores. Con istes paus armaban o Maio e logo montábano nunhas andas ou angarillas. En Pontevedra os varales eran de vidueiro ou de salgueiro de dous metros ou algo mais de outo e, pra lle dala forma redonda, usaban aros de pipas e cordas. Unha vez armado o Maio cúbrese de tela de saco e nela cósese o musgo, que sirve de fondo á decoración floral completada con sartas de bugallos e carrabouxos e con ovos de páxaros e de pitas valeiros. Por baixo levan os maios un faldramento de xestas ou doutras ramas verdes e no remate poñen os de Pontevedra froles ou coroas de ovos, namentres que en Ourense ponse unha cruz e, por veces, tamén unha campaiña que soa ó andar o Maio.

Para coutalo esmorecemento que viña sufrindo a festa dos Maios e que rematou ca desaparición dos “nenos-maios” na parte Norte de Galicia, alá polo 1904 dous esgrevios pontevedreses, Rufino Rivera e Portela Paz, acordaron facer un concurso de Maios para lle dar premios ós de millor feitío e diste xeito conservar a tan fermosa tradición i estimular ós rapaces.

A ideia tivo éisito e poucos anos despois  xa fixeron o mesmo en Ourense Xavier Prado, “Lameiro”, e Hixinio Ameixeiras, que denantes tiveran o bon acordo de resucitar “O Tío Marcos da Portela” na sua terceira época.

E asi, namentres en Pontevedra se conservou o costume enxebre dos Maios, nas suas tradicionaes feituras cónicas ou de barco, extendidas deica Marín, en Ourense, para tratar de revitalizala festa, xurdiron os chamados maios artísticos, innovación que, si foi mal recibida nos comezos polos amantes da tradición enxebre, acabou callando e foi diste xeito como ano tras ano foron saíndo maios que, millor ou pior, reproducían e siguen reproducindo cruceiros, potes, cabaceiros, animaes, afiadores, as Burgas, a ponte vella, a fonte do Posío, a torre da catedral, o escudo de Ourense e xa nistes derradeiros anos esceas como o xogo da chave, o magosto, a muiñeira e ata un parque infantil.

Gracias a istes concursos de maios síguese facendo a festa con gran locemento en Pontevedra, Marín, Vilagarcía e Redondela o día 1.º de Maio. En Ourense faise o día 3, festa de Santa Cruz e do Santo Cristo.

Nises días, pola mañá, saen os maios á primeira hora a percorrelas ruas. De cando en vez paran, baixan o maio, métense dentro díl un dos rapaces e comezan a cantalas coplas. Canta primeiro o rapaz que está dentro do maio e logo repiten a copla, a coro, os outros raparigos. Na bisbarra pontevedresa os cantores acompañan a súa tonadiña –que é difrente da ourensán- batendo rítmicamente cunhos paus que levan en cada sua mau ó tempo que dan voltas arredor do maio. En Pontevedra os paus son máis longos e cada rapaz bate co seu no chan asegún vai xirando. En Ourense cantan sin acompañamento de paus e non se moven e, como deben seren ou mais preguiceiros ou mais señoritos, cada vez cantan menos e desentonan mais, cousa que se debera evitar en ben da pureza da festa.

 As cántigas dos maios tiveron decote un tono satírico que lles vai moi ben. Comenzan cun saudo a xeito de presentación.

Eiqui ven o maio

do barrio do Couto,

como criticón

non che ha de haber outro.

Escoiten, señores,

e poñan atención.

Que o que di o Maio

en todo ten razón.

Cantan logo ó Maio, á sua feitura ou o seu adorno.

Eiqui ven o Maio

cun vestido novo,

porque non choveu

e musgo non houbo.

Fumos a unha viña

a roubar estacas,

si nos descoidamos

non vimos prá casa.

Bendito sea o Maio,

que trae cereixiñas,

enchentas van levar

as nosas barriguiñas.

Mirade a feitura

dos carrabouxiños,

tan repinicados

e tan redondiños.

As críticas refírense a cousas locales, á carestía da vida e outros acontecementos.

Sempre vai a carne

arrube que arrube,

xa tanto arrubiu

que está nunha nube

Xogamos, de nenos,

moito coa billarda.

Agora, de grandes,

póñennos a albarda.

Ourense

Na mesa dos probes

non hai calendario

pra iles é sempre

viernes a diario.

Quitan augas pola noite

e tamén pola mañán,

miña nai ten que ir á fonte

pra lavarse miña irmán.

Redondela

A censura contra das rapazas é outro dos motivos das coplas dos Maios.

As mozas de agora

teñen gran cultura

destacando todas

no arte da pintura.

Co as liñas haches

e as liñas bes

en vez de mulleres

parecen cen pés.

En Ourense non fallan as coplas contra das leiteiras.

Estavos a vida

de modo e maneira

que o millor negocio

é casar cunha leiteira.

Tomarás bo leite

millor manteiguiña

e ós da capital

véndeselle auguiña.

O traslado da estatua de Concepción Arenal foi motivo central en todalas coplas do ano pasado.

Remúdanse as estatuas

i arríncanse pontes

e non sei si as Burgas

quedarán sin fontes.

Que deixen estar

a estatua no seu sitio

e si queren fontes

que arreglen a do Picho.

De remate ven a despedida.

Levántate, Maio

e bótate a andar

e eiqui xa non temos

mais que criticar.

Vamos d-eiquí, Maio

déixate de líos;

sermón en deserto

é sermón perdido.

Nos primeiros tempos somente se facían dous exemprares manuscritos das cántigas: un prá censura municipal e outro para o cantor do Maio. Agora edítanas e véndenas, co que é máis doado coleccionalas.

A festa dos Maios merez ser conservada e coidada por ser a mais enxebre e anterga das poucas que nos quedan sin mistificar.

(Ben-Cho-Shey, en Chan, n.º 5, 1969)

BCS_126_1947_Maios_3

Maios en Ourense, 1949. (Fotografía de Ben-Cho-Shey)

Andar e Aguzar. O entroido de Santa Marta de Moreiras

Logo dun pequeno descanso voltamos a visitar Santa Marta de Moreiras. Neste curto parágrafo, Ben-Cho-Shey fainos unha breve descrición de como era o entroido nesta parroquia de Pereiro de Aguiar aló polos anos 30. Non era moi diferente dos entroidos que hoxe se manteñen noutras comarcas ourensás ou nas do  sur de Lugo.

“O ENTROIDO

As entroidadasnon teñen logar somentes nos tres días do entroido, sinón que xa comenzan dúas semanas denantes. O domingo anterior ó do entroido chámase corredoiro, e o anterior a iste, é o fareleiro.

O corredoiro chámase así porque denantes había o costume de correr nise día un galo ou un carneiro, co fin de atinguilo e matalo, pra logo facer unha merenda entre os actores da carreira. Tal costume vai case perdido nesta parroquia e ainda pervive nas veciñas de Lañoá, Chaodarcas, Layoso e o Pinto.

No fareleiro levan os mozos de felos e de madamas. Os felos visten con traxes vellos e prendas de muller, como saias ou mandiles; levan un chapeo e a cara tapada cunha toquilla, e na mau unha meia ou bulsa, chea de borralla, ca que lle pegan á xente ou tamén lla botan na cara ás mozas a xeito de confetti.

As madamas van en parellas; un home e unha muller vestidos de branco con moitas fitas e puntillas e a cara tapada cunha mantilla branca. O felo vai facéndolles compaña e abríndolles camiño para que bailen. Levan acompañamento de mozas e mozos tocando pandeiros e acordeós, e diste xeito percorren os lugares devolvéndolle as visitas ás outras madamas.

Entre os pobos hai un grande intrés en que as madamas de cada lugar sexan as millor vestidas e que máis campen.

 (Xosé Ramón e Fernández-Oxea, Ben-Cho-Shey: Santa Marta de Moreiras, 1969)

Santa Marta de Moreiras, contracapa

Santa Marta de Moreiras, contracapa

Andar e aguzar. O patrimonio inmaterial (II)

Hoxe outra mostra extraída do Santa Marta de Moreiras: un conto. Un exemplo máis do seu traballo como etnógrafo e a súa preocupacion polo patrimonio inmaterial do país e pola situación da lingua galega.

“CONTO

Eran tres irmaus que decidirán sair polo mundo a se ganala vida e ningún diles sabía falar o castelán, cousa que os traguía moi cavilosos, pois tíñalles dito un veciño que correra moitas terras, que para se non morrer de fame era preciso falar ben o castelán.

Cando estaban discurrindo o que habían de facer, chegaron uns castelaos e púxeronse a latricar moi outo. Entón matinaron de se ir chegando a iles i escoitalos para deprender. Foi primeiro o máis vello i escoitóu que decían, nosotros. O home coidóuse sabido dabondo e, voltando moi contente unda os irmaus, díxolles:

—Xa sei falar o castelán; ouvínlles decir nosotros.

En vista do pronto e ben que o seu irmau deprendera, tamén foi alá o segundo, que chégou cando un dos castelaos decía: ahora mismo. E correndiño voltóu unda os seus gabándose de que il tamén deprendera o castelán.

—Xa sei decir ahora mismo, dixo todo fachendoso.

O máis cativo, pra non ser menos, tamén foi ó pe dos forasteiros e ouvíulles decir, está bien, co que xa se coidóu tan sabido como os seus irmaus.

Como xa sabían falar o castelán decidiron sair a correr mundo dispostos a se faceren ricos. Mais cando xa estaban en terras de Castela, toparon un día no camiño con un home morto e, como tiñan bo natural, deulles pena dil e collérono pra arredalo da estrada. Niste intre chegaron os garda civís e preguntáronlles:

—“¿Quién mató a ese hombre?”.

Nosotros, respondéu o máis vello dos irmáns, para lucir os seus conocementos de castelán.

—“¿Cuándo lo han matado?”, volveron preguntar os civís.

Ahora mismo¸ dixo o segundo, pra non se quedar atrás.

—“Entonces, dense Vds. por presos”, dixeron os gardas.

Está bien, repricóu o máis cativo, tan satisfeito de ver o ben que se enxerguían con aquela xente.

Entón os civís prendéronos e leváronos a cadea, onde pagaron ca vida o aldraxe de esquencer a súa língoa pola allea.”

(Da tradición oral, recollido por Xosé Ramón e Fernández-Oxea, Ben-Cho-Shey en Santa Marta de Moreiras, 1969)

Non esquezades saciar a vosa curiosidade sobre este e outros proxectos visitando a páxina do Museo Provincial de Lugo.

Andar e Aguzar. O patrimonio inmaterial

Hoxe, en Andar e aguzar, temos unha pequena mostra do Ben-Cho-Shey etnógrafo. No libro Santa Marta de Moreiras, estudo completo e multidisciplinar desta parroquia do concello de Pereiro de Aguiar, recolleu este canto de Reis. O traballo de campo foi feito nos anos 30 do século pasado; o libro publicouse en 1969.

REISES DO DOCAMPO

O papel é negro

i o tinteiro é branco

e morréulle a burra

ó José Docampo.

¡Ai, sí! ó José Docampo

¡Ai, sí! ó José Docampo.

I o José Docampo

Choraba por ela:

—Adiós, miña burra,

miña burra vella.

¡Ai, sí! miña burra vella.

¡Ai, sí! miña burra vella.

Miña burra vella,

miña compañeira,

¿quén che ha de levar

o millo a Nogueira?

¡Ai, sí! o millo a Nogueira.

¡Ai, sí! o millo a Nogueira.

O millo a Nogueira

non me dá coidado,

si non levo a burra,

levaréi o carro.

¡Ai, sí! levaréi o carro.

¡Ai, sí! levaréi o carro.

A burra, de morta,

requichóu o rabo.

¡Adiós!, miña sogra

i adiós, meus cuñados

¡Ai, sí! adiós, meus cuñados

¡Ai, sí! adiós, meus cuñados.

A burra, de morta,

rinchóu os dentes.

¡Adiós! miña sogra.

I adiós, meus parentes.

¡Ai, sí! adiós meus parentes.

¡Ai, sí! adiós meus parentes.

Da tradición oral, recollido por Xosé Ramón e Fernández-Oxea, Ben-Cho-Shey en Santa Marta de Moreiras, 1969

Da tradición oral, recollido por Xosé Ramón e Fernández-Oxea, Ben-Cho-Shey en Santa Marta de Moreiras, 1969

Non esquezades saciar a vosa curiosidade visitando a páxina do Museo Provincial de Lugo