Arquivo por etiquetas: Irmandades da Fala

Os Irmauciños. Ben-Cho-Shey e as Irmandades da Fala

 Este primeiro luns do mes de marzo comezamos unha nova sección do blog. Ímola chamar Andar e Aguzar. Os traballos e os días de Ben-Cho-Shey. Dedicarémola aos traballos de Xosé Ramón e Fernández-Oxea en calquera das súas disciplinas. Cada luns, até o 13 de maio, teredes un artigo, un conto ou un ensaio seu para ler e desfrutar. Ademais de neste blog, non esquezades saciar a vosa curiosidade sobre a exposición visitando a páxina do Museo Provincial de Lugo

 Hoxe subimos o artigo “Os Irmauciños”, dedicado á lembranza das Irmandades da Fala polo 50 aniversario da súa fundación. Xosé Ramón estivo dende moi novo no ambiente das Irmandades, xa que o seu pai Pío Ramón era membro delas en Ourense. Dí Ben-Cho-Shey neste artigo que, a diferencia doutros compañeiros, el non tivera problemas na casa para falar en galego. Facíao dende neno con total normalidade grazas a ausencia na súa familia de prexuízos sociolingüísticos cara a lingua . Este artigo publicouno en El Correo de Galicia, o día 5 de xuño de 1966.

OS IRMAUCIÑOS

Polos comezos diste século vinte a Galicia vilega e cibdadán vivía de costas ó agro e afastada da vida rural. O divorcio entre os labregos e os vilegos era casi total. Aquiles vían nas vilas os lugares a onde ían parar os productos do seu traballo en forma de trabucos, de costas dos xuzgados e doutras gabelas que os esquilmaban. Pola sua parte os señoritos vilegos adivirtíanse ríndose dos badocos e facéndoios ouxeto das suas bulras e das suas trasnadas. Fiel refrexo daquil clima é o “Catecismo do Labrego”, do Tío Marcos da Portela. Nembargantes o idioma galego estaba vivo en vilas e cidades e a muiñeira bailábase ainda nos casinos ó final das festas de sociedade. Mais era cousa nidia que a nosa lingoa perdía terreo diante do castelán, vítima da constante e cada vez meirande presión oficial. A sementeira feita polos precursores foi xermolando e coa revolta espiritual da guerra do 14 agromou ó se crear as Irmandades da Fala fai agora meio século. No comezo pasaron un pouco desapercibidas, como adoita a ocurrir con tódalas cousas novas, mais non tardaron en se dar a conocer pola sua actuación na prensa, no mitin e noutras actividás políticas e culturaes. Destas compre destacar a levada a cabo polos cadros artísticos das Irmandades ao poñer en escea obras de teatro en galego, que tiveron grande éisito. Case ó mesmo tempo que as Irmandades xurdiron os Coros galegos si ben as suas acividás eran difrentes. O fin principal das Irmandades era o cultivo da fala galega en tódalas suas manifestaciós tanto oraes como escritas e os resultados non poideron seren millores. Os irmaus comprometiámonos a usar decote a nosa fala na conversa i en tódolos actos da nosa vida. Esto pra moitos de nós non era novedade porque xa o viñamos facendo dende nenos e non significaba nin troque de conducta, nin sagrifizo algún. Pro a todos non lles pasaba o mesmo. Había quen nas suas casas lles refugaban o falar en galego e pra estes, si, era un esforzo dino de loubanza o de se decidir ó emprego do galego na conversa.

Pro mais importante ainda que o de falar foi a conquista da escritura. Escribir en galego, ainda para os que sempre o falamos, supuña un traballo. Na escola e no Instituto ninguién nos ensinara a escribir en galego e tampouco había sitios onde adeprender, polo que cada un axeitóuse como poido pra sair adiante. Un feito indiscutibel é que ata que se fundamentaron as Irmandades da Fala endexamais se empregara o galego na correspondencia, ninguén escribirá nunca unha carta en galego. Foi a partir de entón cando os irmaus impuxeron o emprego do noso idioma no xénero epistolar e aunque non fora mais que por eso as Irmandades xustificaron dabondo a sua eisistenza e son merecentes da gratitude dos bós galegos. Como non podía menos de suceder as Irmandades tiveron os seus nemigos, ¡como non!, e moitos foron nemigos asañados. Istes tales deron en nos chamar despectivamente “Os Irmauciños” mais non conqueriron que o alcume nos alporizase senón, que, como ocurre decote nas loitas políticas, tomámolo como enseña e como timbre de orgullo e precuramos ser decote bos irmauciños e comportarnos como tales. Ata que a guerra incivil esmagóu canto en Galicia había de galeguismo, a Irmandade foi un feito real entre todos os irmauciños e, onde queira que se atopasen os irmaus, como tales se trataban e se comportaban. Manifestaciós grandiosas da fraternidade que xunguía os irmauciños foron os enterros de Lousada Diéguez, en Pontevedra, e de Antón Villar Ponte, na Cruña, ós que asistiron irmaus de todolos recunchos de Galicia e somentes fallaron os que non se enteiraron ou os que estaban doentes. No intre de fervoroso rexurdimento que estamos a vivire sería de grande importancia que os galeguistas de agora tivesen o mesmo esprito de fraternidade que decote xunguíu ós irmauciños, ós galegos bós e xenerosos que atinaron a crealas Irmandades da Fala cuio cincuentenario celebramos hoxe adicándolle unha fonda e garimosa lembranza ós irmaus idos e ós que deron a sua vida por unha Galicia ideal.

 (Ben-Cho-Shey, en El Correo de Galicia, 5-6- 1966)

4. NO ANO 1942 CO PAI.

Xosé Ramón e Fernández-Oxea co seu pai, Pío Ramón, nos xardíns do Posío. O seu pai fora membro das Irmandades da Fala e asinante das actas da Asemblea Nacionalista de Lugo, en 1918.