Arquivo por etiquetas: Madrid

O diario, 1942. Inverno de posguerra en Madrid; frío,fame e cinismo

Despois de 5 anos, Isabel Algarra e Xosé Ramón Fernández-Oxea deciden trasladar a súa residencia de Cáceres a Madrid. Nestes primeiros meses, fan dobre gasto: a pensión na que durmen e a casa que alugan. Continúan sen mobles co que tampouco poden ocupar a casa. A mediados de xaneiro instálanse no novo domicilio so cos colchóns; nunha rúa chea de cascotes e ruínas. Os dous sofren contínuos problemas de saúde,  gripes pola falta de calor e cólicos e úlceras pola mala calidade da pouca comida. A ausencia de combustibles como o carbón ou a madeira fai que non haia lume nas casas co que quentarse, nin tampouco para cociñar; e pese a estar restablecida a corrente eléctrica, o seu prezo é tan elevado que non poden facer uso normal dela. Case non hai pan; non hai nin carne nin peixe. A poboación madrileña ten dúas ocupacións principais: a de “astillero” e a de “colista”. A primeira consiste en adicar unha parte do día a partir calquera cousa que faga combustión para facer estelas – “astillas”- coas que quentarse e poder cociñar; a segunda fai referencia a que o resto do día ocúpase en facer cola nos puntos de distribución de alimento e combustible ou nas diferentes dependencias militares que espenden cada unha das partes que conforman a cartilla e os cupóns de racionamento de cada ben  (en moitos casos para non acadar nada logo de todo o día ). Tamén sofren contínuos cortes nos transportes públicos por restriccións na gasolina. Mentres, Ben-Cho-Shey queixase amargamente dos numerosos vehículos oficiais que circulan por Madrid sen restricción de ningún tipo, conducidos por señoras ricamente vestidas e adornadas. Neste escenario, nun estado febril e débil producido por unha forte gripe e unha úlcera no intestino groso, Xosé Ramón achéganos as seguintes reflexións. Algunhas poderían estar falando do presente que estamos a vivir (as reformas educativas, os discursos antipolíticos).

1 febreiro 1942

1 febreiro 1942

2 e 3 de febreiro 1942

2 , 3 e 4 de febreiro 1942

Transcrición:

“(…) Pro aínda hai outra cousa máis gorda. A sombra do tan cacarexado aumento de soldo ao Maxisterio, que pon a 24.000 mestres na mesma categoría, arrincan nada menos que tres millós de pesetas pra subvencionar ao colexios privados. Subvencion que a chaparán íntegra tódolos frades e monxas de España. Iste si que é un bo bocado, pasar de 190.000 pesetas a tres millós. Pro esto faise soladinamente e disfrazando a cousa ¡Que humildade dos probiños esclavos del Señor!

2.- O B.O de hoxe trae unha corrida de escalas, de Inspectores que non é nin unha mala novillada. A pèsar de que fago o nº un da miña categoría non ascendo porque reingresa un sancionado. O que confirma a miña opinión de que non escenderei endexamais por corrida. O gran porvir é o que me agarda.

Os ingleses progresan como cangrexos e ao millor son capaces de ganar a guerra a forza de recuar. Tamén istes están apañados. E que teñamos posto niles a nosa espranza. Estamos apañados.

3.- Por fin chegaron as camas, e ao cabo de preto de seis anos esta noite poidemos dormir no noso leito matrimonial, do que nos tiveron arredado os salvadores, os protectores da familia todo ise tempo. Nun editorial do “YA” repitan unha vez máis que se romperon algúns cristales, pro que se salvou a España. Chámanlle cristales, istes cínicos ao millón e pico de españoles mortos, aos millós de españoles sancionados e coa súa vida desfeita, aos millós de edificios arruinados, as perdas irreparables, como as Bibliotecas das Universidades de Madrid, de Valladolid e do Duque de Alba, pra non citar máis. A esto lle chaman cristales os que enmascaran os seus apelidos coa careta da salvación. Pro, ¿de que nos salvaron? ¿De vivir ben?

4. Naquiles días febriles de 1936 as chamadas xentes de orden, os mercaderes e demais xentuza que facían extremos ridículos pra xustificar e gabar a traición dos militares resentidos, levaban decote na boca un lugar común ou unha consigna, como agora se di, que rezaba así: “¡Hay que acabar con la política! ¡Mientras no se destierre la política no tendremos arreglo!”. Foi pois o “Glorioso rebumbio”, no seu comenzo esencialmente antipolítico; pro do mismo xeito  que se berraba aínda vitoreando á República, decíase mal da política, sin convencemento, con mala fé. É posible que os tendeiros, afeitos a discurrir por mente de asno, creesen a pé feito que a política era a causa de tódolos males, como quizá tamén o creerían os bizarros obtusos. Quenes nono creron endexamais foron os orgaizadores da traición e a proba dánola hoxe un editorial do “YA” no que se di co desenfado e o cinismo habituales nesta xente sempre disposta a defender o que negaron antronte. “Tenemos el convencimiento de que no se puede vivir sin política” Si ¿eh? Pois pra chegar a esa conclusión poideronse aforrar os ríos de sangue e tanta ruina como se ocasionou na España. Aínda foi onte cando Serrano Súñer non quixo permanecer no Ministerio da Gobernación “porque estaba infestado de política” e prometeu derribar a casa da bola “para que no quede recuerdo de la política”, e ahora saímos con que non se pode vivir sin ela. Por algo o cuñadísimo; despois de tanto abominar a política se fixo presidente “de la Junta Política” ¡ou canta farsa, canto cinismo e canto tapuxo pra mal ocultar unhos apetitos desordenados de mando e unha ambición sin límites!

Así é todo de nocivo entre os salvadores.”

Non vos esquezades de saciar a vosa curiosidade sobre este e outros proxectos visitando a web do Museo Provincial de Lugo.

Cartas e documentos. Carta de Cesáreo Saco en 1948

Cesáreo Saco foi primeiro mestre e logo avogado; militante do Partido Galeguista, foi tamén presidente das Mocidades Galeguistas e do Grupo Galeguista de Monforte. Preso tanto ao inicio da sublevación como nos anos 40 en varias ocasións. En 1946 a apreixado en Madrid xunto a Ramón Piñeiro. Ben-Cho-Shey e  Isabel Algarra desfaríanse en esforzos para coidar e atender aos dous presos galeguistas durante a súa estancia na prisión de  Alcalá de Henares. Isabel Algarra faríase pasar por curmá de Ramón Piñeiro para poder atendelo. Tamén se encargarían de realizar todo tipo de xestións para lograr a redución da pena para os dous presos. Cesáreo Saco sairía a comezos do 1948. Esta é unha das primeiras cartas que lle envía a Xosé Ramón e Fernández-Oxea, xa de regreso coa súa familia  (seus pais e un dos seus irmáns, tamén militante do PG e ex-presidiario, Camilo Saco) e nunha situación moi similar a un arresto domiciliario, na casa familiar de Navallos (parroquia de Santa María de Ousende; O Saviñao), moi preto  de  Monforte de Lemos.

Carta de Cesáreo Saco, marzo 1948. Parte 1

Carta de Cesáreo Saco, marzo 1948. Parte 1

Carta de Cesáreo Saco, marzo 1948. Parte 2

Carta de Cesáreo Saco, marzo 1948. Parte 2

Carta de Cesáreo Saco, marzo 1948. Parte 3

Carta de Cesáreo Saco, marzo 1948. Parte 3

_______________________________________________________________________________________________________

Transcrición:

“Monforte 26-4-48

Sr. D.

José Ramón Fernández-Oxea

Querido Ben-Cho-Shey: Chegamos eiquí moi ben e istes días adicámonos a dormir, comer e pasear, como bos discípulos de Pantagruel.

N’iste intre escríbolle a Rosendo Salgueiro pra que avise ao Ramiro do Páramo i me sailla o viernes  á Puebla de San Julián, pois voulle facer unha visita ao pai de Ramón. Tamén lle escribín a Otero pra ver si coincidimos o día tres en Ourense e dende alí farei unha escapada a Vigo. Decídelle todo isto ao Ramón. Recibín unha carta do Juanito dende o Dueso pra que lle faga unha xestión por medio da Isabel. Como se trata d’unha xestión imposibel de realizar, dígovolo somentos con carácter informativo e non con ánimo de que vos movades ren n’iste asunto. Il quere sair a un campo de traballo; pro eu non sei como il se decata de que tendo unha condena tan elevada, e unhos antecedentes de fuguista tan acusados, é de todo punto imposibel conquerilo. Eu contestareille facéndolle ver ista imposibilidade.

A Vigo intrésame ir denantes de findar o curso.

O domingo irán a visitarnos a Navallos o Avelino Rivas i-o Eliseo, que vos non nos conecedes, pro o Ramón si, e dannos lembranzas pra il.

A Lugo non podo ir até dimpois do día 8.

Inda vivimos en Navallos, si nos escribirdes faceino a Monforte, pois no traieito de Monforte a Navallos o carteiro, cumprindo ordes oficiosas, ten o costume de abrir as cartas con medios técnicos que inda non puden averiguar en que consisten.

Eu ben cho sabía que non eras ti o “nubeiro”, sinon eu, pois o vagón en que viñemos de Madrí, descarrilou entre o Barco e Villamartín e voltou a encarrilar de seu; todo isto en cuestión de segundos; i agora fai unha friaxe que nos fai estar metidos dentro da casiña.

Un saúdo a Isabel, lembranzas ao Ramón i-o Evaristo i-outra aperta de teu amigo

Cesáreo Saco* (sinatura)

            Dalle tamén lembranzas ao Carlos e recibídeas de meus irmáns.

            Direición: Monforte- calle de Roberto Baamonde nº 13″

Non esquezades saciar a vosa curiosidade sobre este e outros proxectos visitando a páxina do Museo Provincial de Lugo.