Arquivo por etiquetas: presidio

Cartas e documentos. Carta de Cesáreo Saco en 1948

Cesáreo Saco foi primeiro mestre e logo avogado; militante do Partido Galeguista, foi tamén presidente das Mocidades Galeguistas e do Grupo Galeguista de Monforte. Preso tanto ao inicio da sublevación como nos anos 40 en varias ocasións. En 1946 a apreixado en Madrid xunto a Ramón Piñeiro. Ben-Cho-Shey e  Isabel Algarra desfaríanse en esforzos para coidar e atender aos dous presos galeguistas durante a súa estancia na prisión de  Alcalá de Henares. Isabel Algarra faríase pasar por curmá de Ramón Piñeiro para poder atendelo. Tamén se encargarían de realizar todo tipo de xestións para lograr a redución da pena para os dous presos. Cesáreo Saco sairía a comezos do 1948. Esta é unha das primeiras cartas que lle envía a Xosé Ramón e Fernández-Oxea, xa de regreso coa súa familia  (seus pais e un dos seus irmáns, tamén militante do PG e ex-presidiario, Camilo Saco) e nunha situación moi similar a un arresto domiciliario, na casa familiar de Navallos (parroquia de Santa María de Ousende; O Saviñao), moi preto  de  Monforte de Lemos.

Carta de Cesáreo Saco, marzo 1948. Parte 1

Carta de Cesáreo Saco, marzo 1948. Parte 1

Carta de Cesáreo Saco, marzo 1948. Parte 2

Carta de Cesáreo Saco, marzo 1948. Parte 2

Carta de Cesáreo Saco, marzo 1948. Parte 3

Carta de Cesáreo Saco, marzo 1948. Parte 3

_______________________________________________________________________________________________________

Transcrición:

“Monforte 26-4-48

Sr. D.

José Ramón Fernández-Oxea

Querido Ben-Cho-Shey: Chegamos eiquí moi ben e istes días adicámonos a dormir, comer e pasear, como bos discípulos de Pantagruel.

N’iste intre escríbolle a Rosendo Salgueiro pra que avise ao Ramiro do Páramo i me sailla o viernes  á Puebla de San Julián, pois voulle facer unha visita ao pai de Ramón. Tamén lle escribín a Otero pra ver si coincidimos o día tres en Ourense e dende alí farei unha escapada a Vigo. Decídelle todo isto ao Ramón. Recibín unha carta do Juanito dende o Dueso pra que lle faga unha xestión por medio da Isabel. Como se trata d’unha xestión imposibel de realizar, dígovolo somentos con carácter informativo e non con ánimo de que vos movades ren n’iste asunto. Il quere sair a un campo de traballo; pro eu non sei como il se decata de que tendo unha condena tan elevada, e unhos antecedentes de fuguista tan acusados, é de todo punto imposibel conquerilo. Eu contestareille facéndolle ver ista imposibilidade.

A Vigo intrésame ir denantes de findar o curso.

O domingo irán a visitarnos a Navallos o Avelino Rivas i-o Eliseo, que vos non nos conecedes, pro o Ramón si, e dannos lembranzas pra il.

A Lugo non podo ir até dimpois do día 8.

Inda vivimos en Navallos, si nos escribirdes faceino a Monforte, pois no traieito de Monforte a Navallos o carteiro, cumprindo ordes oficiosas, ten o costume de abrir as cartas con medios técnicos que inda non puden averiguar en que consisten.

Eu ben cho sabía que non eras ti o “nubeiro”, sinon eu, pois o vagón en que viñemos de Madrí, descarrilou entre o Barco e Villamartín e voltou a encarrilar de seu; todo isto en cuestión de segundos; i agora fai unha friaxe que nos fai estar metidos dentro da casiña.

Un saúdo a Isabel, lembranzas ao Ramón i-o Evaristo i-outra aperta de teu amigo

Cesáreo Saco* (sinatura)

            Dalle tamén lembranzas ao Carlos e recibídeas de meus irmáns.

            Direición: Monforte- calle de Roberto Baamonde nº 13″

Non esquezades saciar a vosa curiosidade sobre este e outros proxectos visitando a páxina do Museo Provincial de Lugo.