Arquivo por etiquetas: sublevaciónn

O diario. A sublevación de 1936

Un dos documentos orixinais incluído na mostra é o manuscrito do diario de 1936. Xosé Ramón e Fernandez-Oxea comezouno ao día seguinte ao estalido da sublevación militar do 18 de xullo de 1936. Nel, e durante varias semanas, Ben-Cho-Shey escribe o testemuño estarrecedor da represión xenocida e o medo feroz que en Lugo e en Galicia os “nacionales” instauran dende o comezo da guerra. No diario de Lugo debuxa o escenario politico e social do seu presente inmediato cunha claridade única. Deixará de escribilo por obvios motivos de seguridade. No 1939, xa no desterro en Cáceres, recupera o hábito de escribir un diario, rutina que continuará durante os anos corenta.

O diario de Ben-Cho-Shey é a sección que teremos os mércores, até o 16 de maio, no blog da exposición. Nela subiremos fragmentos dos diarios, acompañados dunha imaxe da páxina manuscrita onde se atopa o fragmento. Como o Servizo de Publicacións da Área de Cultura da Deputación de Lugo vai editar o diario do 1936 xunto á folla de 1937, só  publicaremos aquí o comezo e o final do diario, como pequeno adianto do diario completo. A sección continuará con fragmentos dos diarios dos primeiros corenta, igual de interesantes.

Comezamos coa conclusión de Ben-Cho-Shey á exposición de antecedentes  que desencadenaron a sublevación militar de 1936.  Aparecen tamén as anotacións dos días 19 e 20 de xullo de 1936.

Diario manuscrito de Ben-Cho-Shey. Xullo de 1936

Transcrición:

“(…)

Pra min é un exemplo fatal e suicida.

 E como se repite a Historia. Pasaron cen anos e seguimos co mismo réxime de cuarteladas do século XIX. Non variou mais que o nome dos xenerales que se sublevan . É triste que Hespaña non poida pasar sin este sarampelo cuartelero que de vez en cando pon en perigro a paz do país; i é mais triste ainda si se considera que, namentras os exércitos euopeos ben orgaizados, co prestixio de vencedores en grandes guerras ou o de conqueridores de vastos imperios colonaes, namentras digo, istes exércitos son respeitosos co poder civil, e acatan a vontade popular dos seus veciños, e non conciben que un militar poda actuar fora do cuartel ou do campo de batalla, iste noso exército vencido decote dende Rocray pra acá, iste noso exército que desapareceu diante de Napoleón e correu diante de Abd-el-Krim, somentes teña pulos diante do pobo indefenso e se sinta heroico ante os seus irmans inermes. ¡Cativo sino o da nosa Patria! En todo o longo da miña vida ainda non ouvin unha soia vegada falar en nome da Patria ou de patriotismo, como non fose pra esnaquizala ou pra facer falcatruadas. Istes de agora tamén se chaman o exército salvador e tamén comenzan a desbrozar a Hespaña co pretexto de poñela millor, cando o que todos teñen non é mais que un inmoderado afán de mando; Probe Hespaña!

 Día 19

Iste domingo advírtese nerviosidade na xente. Todos quixeran adiviñar o pensamento dos outros e saber o que vai pasar. Moitas cábalas, moitos presaxios e moito abandono por parte das autoridades que nin toman precauciós nin se preocupan do que podía ocurrir. O Goberno Civil está cheo de xente que co pretexto de ofrecerse vai espiar e cheirar o que ocurre. Os alí reunidos están preocupados pero non resolven ren. Confíanse nas boas verbas e nas palabras de honor dos militares. ¡Están apañados! Pero que candidez tan grande teñen todol-os liberales hespañoles; sempre anda a boa fé e creen que os demais son como iles. O malo é que non escarmentan e sempre tropezan na mesma pedra.

Día 20

Pol-a mañá chegan os paisanos armados de Monforte para poñerse o lado do Goberno i evitar a sublevación. De Viveiro, de Ribadeo e de outras partes hai iguales ofrecementos que non se aceptan no Goberno Civil. ¡Que contraste entre o fino instinto do pobo e a cobardía das autoridades! Namentras o pobo corre as armas e procura evitar a catástrofe, o Gobernador confíase na palabra que ainda esta mañá lle diu o coronel. (…)”

Non esquezades saciar a vosa curiosidade visitando a páxina do Museo Provincial de Lugo