Arquivo por etiquetas: tradición oral

Andar e Aguzar. O patrimonio inmaterial

Hoxe, en Andar e aguzar, temos unha pequena mostra do Ben-Cho-Shey etnógrafo. No libro Santa Marta de Moreiras, estudo completo e multidisciplinar desta parroquia do concello de Pereiro de Aguiar, recolleu este canto de Reis. O traballo de campo foi feito nos anos 30 do século pasado; o libro publicouse en 1969.

REISES DO DOCAMPO

O papel é negro

i o tinteiro é branco

e morréulle a burra

ó José Docampo.

¡Ai, sí! ó José Docampo

¡Ai, sí! ó José Docampo.

I o José Docampo

Choraba por ela:

—Adiós, miña burra,

miña burra vella.

¡Ai, sí! miña burra vella.

¡Ai, sí! miña burra vella.

Miña burra vella,

miña compañeira,

¿quén che ha de levar

o millo a Nogueira?

¡Ai, sí! o millo a Nogueira.

¡Ai, sí! o millo a Nogueira.

O millo a Nogueira

non me dá coidado,

si non levo a burra,

levaréi o carro.

¡Ai, sí! levaréi o carro.

¡Ai, sí! levaréi o carro.

A burra, de morta,

requichóu o rabo.

¡Adiós!, miña sogra

i adiós, meus cuñados

¡Ai, sí! adiós, meus cuñados

¡Ai, sí! adiós, meus cuñados.

A burra, de morta,

rinchóu os dentes.

¡Adiós! miña sogra.

I adiós, meus parentes.

¡Ai, sí! adiós meus parentes.

¡Ai, sí! adiós meus parentes.

Da tradición oral, recollido por Xosé Ramón e Fernández-Oxea, Ben-Cho-Shey en Santa Marta de Moreiras, 1969

Da tradición oral, recollido por Xosé Ramón e Fernández-Oxea, Ben-Cho-Shey en Santa Marta de Moreiras, 1969

Non esquezades saciar a vosa curiosidade visitando a páxina do Museo Provincial de Lugo