Arquivo por etiquetas: os anos lugueses

Os anos lugueses de BEN-CHO-SHEY

Hai 76 anos, o 28 de xuño de 1936, vinte días antes do alzamento militar fascista, celebrouse o plebiscito do Estatuto de Autonomía de Galiza. Na campaña do Estatuto en Lugo participa moi activamente un home que reside nesta cidade por motivos profesionais   dende comezos do ano 35: Xosé Ramón e Fernández-Oxea, coñecido como Ben-Cho-Shey, pseudónimo que adoptara para asinar as súas crónicas da guerra de Marrocos publicadas no xornal La Zarpa en 1922.  Ben-Cho–Shey  é elixido pouco despois da súa chegada a Lugo  presidente do Partido Galeguista. No exercicio do seu cargo político desenvolve, nesta cidade e por toda a provincia, un inxente labor na organización interna do partido e na difusión do seu ideario: é candidato por Lugo nas eleccións ás Cortes republicanas de febreiro do ano 1936 e traballa infatigablemente na campaña  do Estatuto ao fronte dun xa nutrido e entusiasta grupo de militantes da agrupación galeguista de Lugo, con sede na rúa do Miño,  no que están entre outros moitos: Ánxel Fole, Ramón Piñeiro, Lorenzo Varela, Servando Gómez Aller de la Vallina, Antón Figueroa, Pepe Pimentel,  Teolindo Corredoira, Emilo Gil Varela…

Cando é destinado a Lugo como inspector de Primeira Ensinanza, despois de exercer o maxisterio en Cariño e Santa Marta de Moreiras, Fernández-Oxea xa desenvolvera un frutífero e moi amplo labor  intelectual,  plasmado fundamentalmente na súa activa participación nas Irmandades da Fala e no Seminario de Estudos Galegos, e xa tiña adquirido tamén un sólido prestixio intelectual  coa publicación de numerosos estudos e artigos sobre os máis variados temas (creación literaria, historia, arte, arqueoloxía, etnografía, lingüística, política…)  en xornais e revistas como:  La Zarpa, Galicia, La Voz de Ortigueira, Vida Gallega, Heraldo de Madrid, La Región, Faro de Vigo, Galicia, Nós, A Nosa Terra, Céltiga, A Fouce… Tamén viaxara por Europa despois de obter unha bolsa das catro Deputacións galegas outorgada para completar a súa formación pedagóxica.

 

Os sucesos de xullo do 36 collen a Ben-Cho-Shey en Lugo e,  neses funestos días, deixa escrito nun diario as súas vivencias daqueles momentos tráxicos nos que a súa vida corre un serio perigo. Nas páxinas dese diario inédito narra cunha lucidez extraordinaria os sucesos que se viven na cidade e as noticias que lle van chegando dende outros lugares de Galiza, algunhas tan terribles como os asasinato de Bóveda ou Díaz Baliño  ou outros acontecementos, como a desafección dalgúns  “irmáns” na causa,  que producen nel, un home en extremo bondadoso e tranquilo, sentimentos de profunda indignación e carraxe: “…por eso ten menos espricación esta barbarie feixista, iste terror feroz que se desencadena sobre a nosa desdichada terra. Dende que estas bestas se apoderaron violentamente do mando comenzou o imperio da inxustiza, do horror, do desbaraxuste, do latrocinio e de toda-las calamidás imaxinables”.

 

De Lugo sairá no verán de 1937, fixo no pasado agosto setenta e cinco anos,  cara o desterro a terras de Estremadura, despois de ser depurado suspendido de emprego e soldo durante tres meses e de deixar precipitadamente os mobles do seu domicilio de Lugo na casa do seu amigo Uxío Campo no Val do Mao.  Nos anos corenta participa activamente na reorganización do Partido Galeguista  no que militará ata a súa liquidación. Instalado definitivamente en Madrid segue a desenvolver un intenso labor cultural e ideolóxico, naqueles tempos sombríos, promovendo  centos de iniciativas, nomeadamente en defensa da lingua galega,  a través do Clube de Amigos da Unesco, o Centro Galego e en contacto directo cos mozos nacionalistas  dos Grupos Castelao e Brais Pinto, dos que se pode considerar o seu verdadeiro mentor.

 

A  figura extraordinaria de Ben-Cho-Shey non foi aínda  recoñecida en toda a súa dimensión. Sirvan as  palabras certeiras de Xosé María Álvarez Blázquez para situármonos: “Ben-Cho-Shey é o galego máis galego que teño conocido. Atesoura a xenerosidade dun Otero Pedrayo, o entusiasmo dun P. Sarmiento, a sabencia folklórica dun Risco, o patriotismo dun Castelao. Se houbese que facer un desfile de galeguismo, Ben-Cho-Shey sería o abandeirado. “