Arquivo por etiquetas: día de Galiza

O DÍA DE GALIZA. 25 DA SEGA

Para comemorar o día de Galiza vamos publicar este pequeno comunicado que o Grupo Galeguista de Lugo editou  en 1935 baixo a presidencia de Xose Ramón e Fernández-Oxea. Publicarían tamén un pasquín coa programación do día e varios textos, incluíndo un da autoría de Ramón Otero Pedrayo. Podedes consultar a entrada onde se fala do pasquín aquí

Día da Galiza; 25 da Sega

Día da Galiza; 25 da Sega

Carta de Servando Gómez-Aller. O día de Galiza de 1935

Baixo o título Cartas e documentos do arquivo Ben-Cho-Shey, ensinarémosvos parte da documentación que empregamos. Esta sección sairá os venres, até o 18 de maio. Dende aqui agradecémoslle de novo ao Arquivo Ben-Cho-Shey e a Deputación Provincial de Ourense a colaboración e cesión dos documentos que forman a exposición.

Como primeira entrega, temos unha carta de Servando Gómez-Aller de la Vallina, secretario do Grupo Galeguista de Lugo, datada o 19 de xullo de 1935. Nela coméntalle a Xosé Ramón e Fernández-Oxea o estado dos preparativos para as celebracións do día de Galiza de 1935. Na altura, Ben-Cho-Shey xa era o presidente do Grupo Galeguista de Lugo, pero nese xusto momento atopábase de vacacións no domicilio familiar, en  Ourense. Na carta vemos como lle agradece o envío dun  artigo de Otero Pedrayo para incluir no folleto dos actos e detállalle o estado das xestións organizativas do evento. No programa  inclúese un concerto da Banda Municipal de Lugo dende o templete da Praza da República (hoxe Praza Maior). Rapsodia Gallega, Negra Sombra e Muiñeira de Juan Montes ou a Alborada e o Himno galego de Pascual Veiga foron parte do repertorio interpretado.

O folleto foi reeditado, en edición facsímile, en xullo de 2010 polo Servizo de Publicacións da Área de Cultura.

Aquí tedes a dixitalización e a transcrición da carta. Ao final da entrada están a capa e a contracapa do folleto. É unha dixitalización da reedición, na exposición hai un orixinal.

Manuscrito da carta de Servando Gómez-Aller

Transcrición:

“19 – 7 · 35.

Don. Xosé Ramón Fernandez Oxea

Ourense

Distinguido amigo e irman: Hai dias percibin a sua (carta) , acompañada do artigo d’Outeiro Pedraio.

O libriño pra o dia d’a Terra xa está n’a imprenta, i-agora estamos reunindo pra tratare d’excursión a Cruña e Santiago.

A radio comprometina pra as tres sesions: as 2 1/2 darei unha leria, as 6 1/2 haberá un recital de poesia acárrego d’unha rapaza i-as 10 1/2 musica galega. Tamen a Banda Municipal dara un concerto de musica galega, o coro Cántigas i-Aturuxos tamen fará algunhas cousas, como prestare os gueiteiros pra as dianas, cantará n’a radio, etc.

Nada máis qu’istas cousiñas deslabazadas pra i-e dar conta d’a marcha d’os festexos, e pra tranquilizal-o, e vexa que traballamos.

Saudos respetuosos a sua dona e unha aperta

(sinatura) S.Gómez Aller”

Capa do programa do día da Galiza, 1935 (reedición)

Capa do programa do día da Galiza  1935 (reedición de 2010).

Contracapa do programa do día da Galiza, 1935

Contracapa do programa do día da Galiza, 1935 (reedición de 2010).

Como xa é habitual, non esquezades saciar a vosa curiosidade sobre esta exposición e outros contidos visitando a páxina do Museo Provincial de Lugo.