Arquivo por etiquetas: PG

Cartas e documentos. Carta de Cesáreo Saco en 1948

Cesáreo Saco foi primeiro mestre e logo avogado; militante do Partido Galeguista, foi tamén presidente das Mocidades Galeguistas e do Grupo Galeguista de Monforte. Preso tanto ao inicio da sublevación como nos anos 40 en varias ocasións. En 1946 a apreixado en Madrid xunto a Ramón Piñeiro. Ben-Cho-Shey e  Isabel Algarra desfaríanse en esforzos para coidar e atender aos dous presos galeguistas durante a súa estancia na prisión de  Alcalá de Henares. Isabel Algarra faríase pasar por curmá de Ramón Piñeiro para poder atendelo. Tamén se encargarían de realizar todo tipo de xestións para lograr a redución da pena para os dous presos. Cesáreo Saco sairía a comezos do 1948. Esta é unha das primeiras cartas que lle envía a Xosé Ramón e Fernández-Oxea, xa de regreso coa súa familia  (seus pais e un dos seus irmáns, tamén militante do PG e ex-presidiario, Camilo Saco) e nunha situación moi similar a un arresto domiciliario, na casa familiar de Navallos (parroquia de Santa María de Ousende; O Saviñao), moi preto  de  Monforte de Lemos.

Carta de Cesáreo Saco, marzo 1948. Parte 1

Carta de Cesáreo Saco, marzo 1948. Parte 1

Carta de Cesáreo Saco, marzo 1948. Parte 2

Carta de Cesáreo Saco, marzo 1948. Parte 2

Carta de Cesáreo Saco, marzo 1948. Parte 3

Carta de Cesáreo Saco, marzo 1948. Parte 3

_______________________________________________________________________________________________________

Transcrición:

“Monforte 26-4-48

Sr. D.

José Ramón Fernández-Oxea

Querido Ben-Cho-Shey: Chegamos eiquí moi ben e istes días adicámonos a dormir, comer e pasear, como bos discípulos de Pantagruel.

N’iste intre escríbolle a Rosendo Salgueiro pra que avise ao Ramiro do Páramo i me sailla o viernes  á Puebla de San Julián, pois voulle facer unha visita ao pai de Ramón. Tamén lle escribín a Otero pra ver si coincidimos o día tres en Ourense e dende alí farei unha escapada a Vigo. Decídelle todo isto ao Ramón. Recibín unha carta do Juanito dende o Dueso pra que lle faga unha xestión por medio da Isabel. Como se trata d’unha xestión imposibel de realizar, dígovolo somentos con carácter informativo e non con ánimo de que vos movades ren n’iste asunto. Il quere sair a un campo de traballo; pro eu non sei como il se decata de que tendo unha condena tan elevada, e unhos antecedentes de fuguista tan acusados, é de todo punto imposibel conquerilo. Eu contestareille facéndolle ver ista imposibilidade.

A Vigo intrésame ir denantes de findar o curso.

O domingo irán a visitarnos a Navallos o Avelino Rivas i-o Eliseo, que vos non nos conecedes, pro o Ramón si, e dannos lembranzas pra il.

A Lugo non podo ir até dimpois do día 8.

Inda vivimos en Navallos, si nos escribirdes faceino a Monforte, pois no traieito de Monforte a Navallos o carteiro, cumprindo ordes oficiosas, ten o costume de abrir as cartas con medios técnicos que inda non puden averiguar en que consisten.

Eu ben cho sabía que non eras ti o “nubeiro”, sinon eu, pois o vagón en que viñemos de Madrí, descarrilou entre o Barco e Villamartín e voltou a encarrilar de seu; todo isto en cuestión de segundos; i agora fai unha friaxe que nos fai estar metidos dentro da casiña.

Un saúdo a Isabel, lembranzas ao Ramón i-o Evaristo i-outra aperta de teu amigo

Cesáreo Saco* (sinatura)

            Dalle tamén lembranzas ao Carlos e recibídeas de meus irmáns.

            Direición: Monforte- calle de Roberto Baamonde nº 13″

Non esquezades saciar a vosa curiosidade sobre este e outros proxectos visitando a páxina do Museo Provincial de Lugo.

Cartas e Documentos. Carta a Castelao, 26 de marzo de 1936.

En consonancia co documento que publicamos o día 29 de marzo no que o Grupo Galeguista de Lugo explicaba a súa posición ante as eleccións de Febreiro de 1936 (podédelo consultar pinchando aquí ), mostrámosvos hoxe o borrador da carta que Xosé Ramón e Fernández-Oxea lle envía a Afonso Daniel R. Castelao sobre a situación  no Comité lugués da Fronte Popular.

Agradecémoslle de novo ao Arquivo Ben-Cho-Shey da Deputación Provincial de Ourense a súa indispensable colaboración e boa disposición para a cesión do conxunto documental que vos estamos a amosar neste blog e na exposición.

24 de marzo, 1936. Carta a Castelao, parte 1

24 de marzo, 1936. Carta a Castelao, parte 1

24 de marzo, 1936. Carta a Castelao, parte 2

24 de marzo, 1936. Carta a Castelao, parte 2

_______________________________________________________________________________________________________

Transcrición:

“Lugo 21 de marzal de 1936.

Sr. D. Alfonso R. Castelao.

                             Querido irmán: Pra que te dés conta do noxenta que é a política n-iste Lugo, pra que te decates de como se complen os pactos do Frente Popular e de como se practica a repubricanización da nosa terra, pra que logo non lle carguedes  ó Grupo de Lugo culpas que non ten, nin nos tachedes de suspicaces, vouche dar conta ds cousas que sucederon despois da xuntanza do Consello en Santiago.

                                Ós poucos días de voltar de Compostela recibira o Grupo unha invitación de Unión Republicana, fíxate ben, de Unión Republicana pra que acudísemos a constitución do Comité do Frente Popular. O noso Grupo, que non desexaba outra cousa, foi alí pra cumprir o que se había mandado.  A primeira xuntanza acudiron representantes de U.R., de I.R. dos sociaslitas e nosos. Todos, menos os  de I.R. levaban poderes pra actuar; os de I.R. deron en poñer dificultades i en obrar con unha cazurrería de cacique aldeán que a todos lles acaiu mal. Pra segunda xuntanza, que se celebrou xustamente o sábado pasado día 14, xa eran outros os delegados de I.R. pero tampouco eran os definitivos. Acordouse ir ver ó Gobernador pra facerlle presente que o Frente ficaba constituido e que de alí en diante se nos tivese en conta pras renovaciós de xestoras que se levasen a cabo ao igual que se viña facendo nas outras provincias. O Gobernador dixo que lle parecía moi ben, i-en efecto, o domingo seguinte constituíase a xestora de Monforte, onde nós temos Grupo, sin que o Comité do Frente se enteirase de ren.

                                  Despois de Monforte foi Láncara, e Rábade, e Sárria e non sei cantos mais todos nomeados a espaldas do Comité. Cando eu protestei dixéronme que o Gobernador cumpría ordes de que lle daban de Madrid. Claro que se daba a pequena casualidade de que por ises días xa estaba en Madrid o Sr. Díaz Villamil.

                                       En esta situación noxenta e desagradable chegamos a onte; tratouse das elecciós municipaes. A candidatura de maiorías leva 13 nomes; os socialistas non pediron máis que dez postos deixando tres pra que os repartísemos entre os outros tres partidos. O representante de U.R.  fixo outra proposición altruista e desinteresada: 6 postos pra os socialistas, 3 pra U.R., 3 pra I.R. e un pra nós. Como non houbo xeito de se entender, deixámola co as espadas en outo pra o luns.

                             Pero veleiquí que hoxe entérome de que se nomeou a xestora da Diputación pol-o mesmo xeito democrático que se viña facendo cos concellos e sin darlle tampouco representación ós galeguistas. E agora eu pregúntovos. ¡é que coidades que sigue sendo nosa a culpa de que Lugo non se vexa libre de caciques e de que se reduza todo a un troque de un Pepe por outro Pepe? ¿É que se pode seguir dinamente n-un Comité do que non fai caso o Gobernedor namentras o que dirixe todo iste tinglado sigue sendo o Sr. Villamil?

                                Eu confésovos que nunca tiven vocación política nin teño ambiciós en ise orde, e que todo isto magóame moito. Si vos coidades que apesares de todas estas porcalladas, e de todos istes desprecios eu debo continuar no Comité, fareino como un grande sagrifizo da miña dinidade e doéndome moito, tanto máis, canto que coido que iste meu sagrifizo será inútil e que os galeguistas non adiantaremos ren porque ista xente ten alma de cacique rural de terceira clase e son incapaces de correxirse. Van ó seu, e como o meu non é iso, e como eu coido que isto non é repubricanizar a Galicia, nin obrar de xeito democrático, nin ter lealtade cos aliados, nin xiquera ter vergoña; por eso vos agradecería que me librásedes do tormento que pra min supón o ter que aturar e tratar a xente de ista calaña.

                           Vos xuzgades a Lugo pol-o que ocurre en Pontevedra e non hai comparanza posible. Ahí dirixe a I.R. un home como  Tafall   que ten un senso moderno da política i é leal convosco; eiquí temos un cazurro como Villamil cheo de ambiciós personaes e a quen lle ten sin coidado a renovación dos métodos vellos. O panorama político de Lugo non variou máis que nas persoas que rixen a cousa púbrica; os métodos son os mesmos ou quizabes peores, i esto é o que non se pode aturar.

                            Agora vos decidiredes.

                            Unha aperta cordial do teu decote irmán:

                                                                                                    Xosé Ramón

                            Esquecíame decirche que na nova xestora non somentes non se nos deu un posto ós galeguistas, senón que en troques déronllo a un centrista. De donde resulta que o F.P. siguen sendo eiquí o mesmo que foi as elecciós pra diputados, e que os de centro son máis da casa que nós”.

Non esquezades saciar a vosa curiosidade sobre este e outros proxectos visitando a web do Museo Provincial de Lugo.

Cartas e Documentos. Propaganda política, voces de galeguismo

A dous días do 82 aniversario da proclamación da II República  este domingo 14 de abril, hoxe publicaremos catro follas propagandísticas de diferentes actos políticos do galeguismo nos que ou ben participou Ben-Cho-Shey, ou ben gardou o panfleto.

Agradecémoslle ao Arquivo Ben-Cho-Shey da Deputación Provincial de Ourense a cesión de parte do seu arquivo para este proxecto.

Desde a chamada a un mitin da Irmandade Galeguista d’Ourense, anterior a proclamación da II República, no que participa xunto a Roberto Blanco Torres, entre outros; un mitin en Carballedo de  abril do 1935; unha lembranza reivindicativa de Pardo de Cela e un dos que o Partido Galeguista  empregou, co deseño de Seoane.

Mitin da Irmandade galeguista d'Ourense en Porto Quintela

Mitin da Irmandade galeguista d’Ourense en Porto Quintela

Pasquín do Sindicato Agrarista de Carballedo

Pasquín do Sindicato Agrarista de Carballedo

Panfleto do PG impreso en Ourense

Panfleto do PG impreso en Ourense

Cuartilla do Partido Galeguista contra o Imperialismo

Cuartilla do Partido Galeguista contra o Imperialismo

Non esquezades saciar a vosa curiosidade sobre este e outros proxectos visitando a páxina do Museo Provincial de Lugo.

Cartas e documentos. Carta do Comité Executivo do Partido Galeguista, xuño 1935

Se a semana pasada viamos unha declaración pública  da posición política do Grupo Galeguista de Lugo ante as eleccións de febreiro do 1936, hoxe vamos ver un documento interno entre o Comité Executivo do Partido Galeguista na voz de Víctor Casas e o Conselleiro Propietario do Grupo Galeguista de Lugo, Xosé Ramón e Fernández-Oxea. Unha carta común no traballo diario do Partido, o que hoxe sería un mail.

Agradecémoslle ao Arquivo Ben-Cho-Shey da Deputación Provincial de Ourense a cesión deste conxunto documental grazas ao que podemos coñecer un pouco máis o día a día  destas importantes persoas do noso pasado recente.

25 de xuño de 1935, comunicación do Comité Executivo do PG, asina  Víctor Casas, a BCS como Conselleiro do Grupo Galeguista de Lugo

25 de xuño de 1935, comunicación do Comité Executivo do PG, asinada por Víctor Casas, a BCS como Conselleiro do Grupo Galeguista de Lugo.

Non esquezades saciar a vosa curiosidade sobre este e outros proxectos visitando a páxina do Museo Provincial de Lugo.