Arquivo por etiquetas: posguerra

O diario, 1942. Inverno de posguerra en Madrid; frío,fame e cinismo

Despois de 5 anos, Isabel Algarra e Xosé Ramón Fernández-Oxea deciden trasladar a súa residencia de Cáceres a Madrid. Nestes primeiros meses, fan dobre gasto: a pensión na que durmen e a casa que alugan. Continúan sen mobles co que tampouco poden ocupar a casa. A mediados de xaneiro instálanse no novo domicilio so cos colchóns; nunha rúa chea de cascotes e ruínas. Os dous sofren contínuos problemas de saúde,  gripes pola falta de calor e cólicos e úlceras pola mala calidade da pouca comida. A ausencia de combustibles como o carbón ou a madeira fai que non haia lume nas casas co que quentarse, nin tampouco para cociñar; e pese a estar restablecida a corrente eléctrica, o seu prezo é tan elevado que non poden facer uso normal dela. Case non hai pan; non hai nin carne nin peixe. A poboación madrileña ten dúas ocupacións principais: a de “astillero” e a de “colista”. A primeira consiste en adicar unha parte do día a partir calquera cousa que faga combustión para facer estelas – “astillas”- coas que quentarse e poder cociñar; a segunda fai referencia a que o resto do día ocúpase en facer cola nos puntos de distribución de alimento e combustible ou nas diferentes dependencias militares que espenden cada unha das partes que conforman a cartilla e os cupóns de racionamento de cada ben  (en moitos casos para non acadar nada logo de todo o día ). Tamén sofren contínuos cortes nos transportes públicos por restriccións na gasolina. Mentres, Ben-Cho-Shey queixase amargamente dos numerosos vehículos oficiais que circulan por Madrid sen restricción de ningún tipo, conducidos por señoras ricamente vestidas e adornadas. Neste escenario, nun estado febril e débil producido por unha forte gripe e unha úlcera no intestino groso, Xosé Ramón achéganos as seguintes reflexións. Algunhas poderían estar falando do presente que estamos a vivir (as reformas educativas, os discursos antipolíticos).

1 febreiro 1942

1 febreiro 1942

2 e 3 de febreiro 1942

2 , 3 e 4 de febreiro 1942

Transcrición:

“(…) Pro aínda hai outra cousa máis gorda. A sombra do tan cacarexado aumento de soldo ao Maxisterio, que pon a 24.000 mestres na mesma categoría, arrincan nada menos que tres millós de pesetas pra subvencionar ao colexios privados. Subvencion que a chaparán íntegra tódolos frades e monxas de España. Iste si que é un bo bocado, pasar de 190.000 pesetas a tres millós. Pro esto faise soladinamente e disfrazando a cousa ¡Que humildade dos probiños esclavos del Señor!

2.- O B.O de hoxe trae unha corrida de escalas, de Inspectores que non é nin unha mala novillada. A pèsar de que fago o nº un da miña categoría non ascendo porque reingresa un sancionado. O que confirma a miña opinión de que non escenderei endexamais por corrida. O gran porvir é o que me agarda.

Os ingleses progresan como cangrexos e ao millor son capaces de ganar a guerra a forza de recuar. Tamén istes están apañados. E que teñamos posto niles a nosa espranza. Estamos apañados.

3.- Por fin chegaron as camas, e ao cabo de preto de seis anos esta noite poidemos dormir no noso leito matrimonial, do que nos tiveron arredado os salvadores, os protectores da familia todo ise tempo. Nun editorial do “YA” repitan unha vez máis que se romperon algúns cristales, pro que se salvou a España. Chámanlle cristales, istes cínicos ao millón e pico de españoles mortos, aos millós de españoles sancionados e coa súa vida desfeita, aos millós de edificios arruinados, as perdas irreparables, como as Bibliotecas das Universidades de Madrid, de Valladolid e do Duque de Alba, pra non citar máis. A esto lle chaman cristales os que enmascaran os seus apelidos coa careta da salvación. Pro, ¿de que nos salvaron? ¿De vivir ben?

4. Naquiles días febriles de 1936 as chamadas xentes de orden, os mercaderes e demais xentuza que facían extremos ridículos pra xustificar e gabar a traición dos militares resentidos, levaban decote na boca un lugar común ou unha consigna, como agora se di, que rezaba así: “¡Hay que acabar con la política! ¡Mientras no se destierre la política no tendremos arreglo!”. Foi pois o “Glorioso rebumbio”, no seu comenzo esencialmente antipolítico; pro do mismo xeito  que se berraba aínda vitoreando á República, decíase mal da política, sin convencemento, con mala fé. É posible que os tendeiros, afeitos a discurrir por mente de asno, creesen a pé feito que a política era a causa de tódolos males, como quizá tamén o creerían os bizarros obtusos. Quenes nono creron endexamais foron os orgaizadores da traición e a proba dánola hoxe un editorial do “YA” no que se di co desenfado e o cinismo habituales nesta xente sempre disposta a defender o que negaron antronte. “Tenemos el convencimiento de que no se puede vivir sin política” Si ¿eh? Pois pra chegar a esa conclusión poideronse aforrar os ríos de sangue e tanta ruina como se ocasionou na España. Aínda foi onte cando Serrano Súñer non quixo permanecer no Ministerio da Gobernación “porque estaba infestado de política” e prometeu derribar a casa da bola “para que no quede recuerdo de la política”, e ahora saímos con que non se pode vivir sin ela. Por algo o cuñadísimo; despois de tanto abominar a política se fixo presidente “de la Junta Política” ¡ou canta farsa, canto cinismo e canto tapuxo pra mal ocultar unhos apetitos desordenados de mando e unha ambición sin límites!

Así é todo de nocivo entre os salvadores.”

Non vos esquezades de saciar a vosa curiosidade sobre este e outros proxectos visitando a web do Museo Provincial de Lugo.

O diario, outono 1940. Unha xornada na vida dun Inspector de 1º ensino

Hoxe no diario Ben-Cho-Shey regálanos o  relato da viaxe feita o 8 de Outubro de 1940. Sae de Cañamero da cabalo, e tras toda a xornada de camiño, escribe un retrato do día a día da posguerra e  da comarca estremeña de “Las Villuercas”.

8 de outubro, 1940

8 de outubro, 1940

8 de outubro, 1940. Parte II

8 de outubro, 1940. Parte II

8 de outubro, 1940. Parte III

8 de outubro, 1940. Parte III

_______________________________________________________

Transcrición:

“8.- Xornada hípica a Berzocana pra donde partimos as 9 da mañá a bon paso. Pra evitar as moitas voltas da estrada metémonos por empinados atallos entre jaras e castiñeiros. O paisaxe é vizoso e moi movido con arbolado abundante i os cabalos camiñan ben i en hora e meia chegamos ao fin da primeira etapa. Denantes de avistar o pobo arrodíllaseme o cabalo sin máis consecuencias que o susto.

Coidei que en Berzocana atoparía cabalos pra seguir a Navezuelas máis todos están traballando e terei que seguircos que trouxen, que por certo están faltos de comida.

Unha das escolas diste pobo está nun local vello, de cuia antigüidade da razón a lumieira da porta, que ostenta a data de 1638. Por riba dela hai unha curiosa pedra con algo así como tallos fosilizados, que seica abundan no pais. A outra ten local novo, pro abandoado.

Inmediatamente despois de xantar saimos pra Navezuelas por un camiño encosta que nos leva a estrada en construcción que ha de conducir a Solana de Cabañas. Mismo ao entrar nela o meu acompañante señálame con terror un valado de pedras no que unha inesquecible mañá do 1938 atopou os cadavres de seis infelices asesinados polos azules que estaban alí deitados e abandoados, espostos a ser pasto dos lobos. Procederon a enterralos piadosamente e un pastor que por alí pasou reconoceu niles a veciños dos arredores. Por todas partes, anque señan terras tan afastadas como estas, fican señaesda barbarie da nosa guerra civil.

Abondan por eiquí castiñeiros, sobreiros, encinas e carballos que lle dan a paisaxe un tono de frescor distinto do ardente das terras áridas e baixas desta provincia. Camiñamos envolveitos nunha nube de moscas que nos atormentan a nos e as cabaleirías. Poucos metros antes de Solana deixamos a estrada pra rubir unha empinada encosta moi traballosa pra os cabalos. O meu arrodillase outra vez e hai que deixalo descansar de cando en vez porque non pode co a súa ánima.

Aló no fondo do val SOlana parece unha aldeiña galega. A esquerda unha liña de corrales, mais a dreita unha cativa praza e despois a eirexa, todo circuídopor verdes hortas que prometen unha vida farta pra os veciños.

Coroamos a primeira liña de eminencias e descemos paseniño ao val por onde a garganta de Santa Lucía que surte de auga potable a Trujillo. En toda esta terra non se ve máis que unha cativa casa de labor illada no monte cara a que van uns rapaciños recadando tres porcos. A poucos de comenzar a subir vemos o embalse i o meu guía dime que no 1938 viñeron os roxos dende Alía e voaron parte da cañería deixando sin auga por tres días aos trujillanos.

Iste regato de Santa Lucía ven ser un dos que orixinan o río Almonte . O val, sumamente estreito fica reducido ao cauce do regato, así que tan pronto o cruzamos voltamos a rubir de novo ata un monto máis outo que o que vimos de pasar. Nas abrigadas hai casiñas como a que vimos ao baixar i están rodeadas de terras labrables arredándose unhas das outras pouco máis de cinco centos de metros. Os que nelas habitan deben levar vida de eremitas.

Dende o cumio da serra vese Navezuelas da outra aba do val deitado na aba da Villuerca. Agora baixamos pra loguo rubir por tereira vez en procura do pintoresco e rico pobo, engastado nun tapiz esmaltado de castiñeiros que por todas partes o cercan.

Casas baixas de pedra, con teitos de madeira tamén baixos e balcós arriquintados. Non se ven por eiquí as enxebres ventas cacereñas. O piso das rúas está feito de croios e hai algunhas perspectivas pintorescas. A situación do pobo fai que abonde en costas e non deixa de ter o seu sabor, sin chegar ao tipismo da Vera. Si as xentesson ocomo o seu pobo hai pra fiar pouco nelas, porqu aquil, sendo rico, aparente unha gran pobreza e non digamos das casas que son máis mouras por dentro que por fora.

Os labregos quéixanse da sequía e gorentan auga pra facer a sementeira e pra que abran os zonchos das castañas. Dende a terra de secano veñen eiquí diariamente as xentes para intercambiar os productos deixando pan e garabanzos en troques de patacas e fabas.

Despois dun paseiño entre lusco e fusco e de longa conversa sobre temas de actualidade ceo cos notables do país e deitome nun cuartiño onde caso dou co a cabeza no teito.”

Non vos esquezades de saciar a vosa curiosidade sobre este e outros proxectos visitando a web do Museo Provincial de Lugo.

O diario, agosto de 1940. Visita a Galicia

No verán de 1940 Isabel Algarra e Xosé Ramón Fernández-Oxea visitan Galicia. Logo de visitar aos amigos seus de Pontevedra, Vigo, Redondela e Vilagarcía de Arousa diríxense cara Santiago de Compostela e A Coruña.  Logo pasarán por Sada,  Lugo e Ourense.  Ademais de deliñar a cotidianidade de posguerra, Ben-Cho-Shey volca a súa carraxe nestes parágrafos. Os vencedores de vacacións estivais en Galicia, os alemáns facendo estudos sobre o país xa feitos, os antigos lugares de traballo cultural pechados e os compañeiros e irmáns esparexidos, agochados ou transformados.

27 de agosto de 1940

27 de agosto de 1940

28 e 29 de agosto de 1940

28 e 29 de agosto de 1940

30 de agosto de 1940

30 de agosto de 1940

 

 

 

 

 

 

 

Transcrición:

“27. Onte á noite saimos de Vilagarcía pra Santiago onde contábamos que sería doado o atopar hotel, maiste ano deulle á xentepor vir vranear a Galicia, atraguidos polo cebo de que eiquí se come ben, e nin xiquera eiquí hai vagantío nas fondas. Outro tanto veuse en Vigo, en Pontevedra, en Vilagarcía, todo está ateigado de xente. Das viaxes non falemos, porque os trés van impoñentes; co a supresión das liñas de autos comprícanse a circulación dun xeito alarmante e materialmente non se cabe nos vagós. Da estación de Santiago saimos embutidos nun autobús co a xentede pé no pasillo e pendurada nos estribos, i eso que eran tres os autobuses.

En Santiago renóvase a door pola perda dos irmaus asesinados. O local do infeliz Casal está valdeiro pra alugar. O Seminario, desfeito; a súa biblioteca, pechada con un candado posto polos esbirros salvadores; o museo destrozado e a cultura galega padecendo unha parálisis polo morbo militarista. E mentres istes bárbaros persiguen a unha cultura, os seus amigos alemás veñen a pedir libros e diccionarios galegos pra estudiar o que xa se estaba estudiando. Boa desgracia a nosa de ternos que deixar descubrir por estranxeiros sabendo nos ben o que temose o que valemos. Pro a besta militarista somentes entende de matar e roubar.

D. Xesús dame a grata sorpresa de que os meus traballos están casi rematados e agora hai que ver o xeito de botalos fora. Parece como si me perseguira unha mala fada. Visitamos o Museo da Catedral e por primeira vez admiro a importantísima colección de tapices que alí se gardan. E máis numerosa que a de Zamora si ben istes son máis antigos. Demasiado precipitada a visita a Santiago voume sen poder falar cos amigos. Saímos despois de xantar no Castromil, que me lembra aquil outro Castromil que foi desterrado a Cáceres pola guerra e alí ficou xa transformado. Sorpréndome que en Carral aínda esté en pé o monumento aos mártires da Liberdade galega, hoxe encadenada.

Na Cruña non paramos máis que para coller o tranvía a Sada, adonde chegamos xa de noito e despois de un longo paseo en procura da casa do Piñeiro, resulta que non está. ¡Fixémola boa! Con gran traballo atopamosonde dormir e pagamos con exceso a necesidade porque a xente sabe aproveitarse das ocasiós. O Piñeiro está en Cariño e falo con il; prométeme que virá pasado mañá. Veremos

28. De mañá dou unhas voltiñas polos deliciosos arredores de Sada e comprobo que algús nomes das rúas aínda están en galego. SInto o vir tan de presa pra non poder recrearme algo máis na contemplación da natureza, mais a rente do meio día pillamos un tranvía extraordinario e chegamos a Cruña tarde mal e casi de arrastro.

O xantar depáranos a sorpresa de que un desconocido que se senta a nosa mesa -militar, por máis señas- ponse a esbardallar decontra de todo con unha furia demoledora. Polo visto na Cruña a xente perdou o medo e fala cunha liberdade que non se conoce por alá embaixo. Non cabe dúbida que a satisfacción  do país é compreta e de facerse hoxe unhas elecciós o couce que ían levar os desgobernantes sería sonado. ¡É maravilloso o ver a maña que se deron pra descontentar ata os seus propios defensores!

Tamén eiqui teño emocionantes entrevistas con vellos irmáns que sufriron amargamente. Uxío Carré e López Abente     departen conmigo longamente e temos garimosas lembranzas pra os mártires e pra os ausentes. ¡Que fermosura irmandade esta a nosa que cada vez se esteita máis a pesares das persecuciós e dos asesinatos! ¡Galicia, nai e señora!

29. O paso de un desfile de tropas con unha banda de gaiteiros ao frente prodúxome unha indignación desesperante. Porque compre ser cínicos pra levar co as tropas unha banda de gaiteiros despois de ter renegado de Galicia e perseguir aos galeguistas como cas doentes. Por si non estiveramos convencidos da insinceiridade dos pretextos postos pra xustificar a guerra, velaí unha proba máis. A istes fasantes tíñalles sin coidado o rexionalismo, como tampouco lles importaba a masonería, nin do xudaísmo, nin do marxismo. E sinón xa estamos vendo como unha tas da outra van caíndoen tods aquelas cousas que finxiron condenar, porque o único que querían era mandar e ascender. Iles asesinaron ao comunistas pra estar agora ao lado de Rusia; mataron masós cando tamén os eran e siguen sendo moitos diles; esabardallaron contra os xudeus e valéronse destes chegando incluso a vivir con xudías algúns dirixentes e derradeiramente abominaron dos estaturos pra chegar a esta situación en que cada provincia ten o seu e pra darlle aire a todas as manifestaciós rexionaes como balies, música, etc. Tanto falar de nós pra que agora as radios galegas poñan a diario música nosa e no Día de Galicia somentes se radien cousas galegas. ¿Pro é que facíamso outra cousa? ¡Farsantes, asesinos! Está visto que o único que queríandes era medrar posto que non facedes máis que mal remedar o que denantes se facía ben.

30. En vista de que o Piñeiro non apereceu e non podemos estar aquí máis tempo, saímos pra Lugo no correo. No tren van de regreso algúns dos moitos vranantes que viñeron comer a Galicia. Os que coincident connosco pasaron a guerra en Madrid e fálannos do seu desencanto de saber as cousas que eiquí pasaron. Íanse cruces das crueldades que ouviron relatar e ds mentiras que pola radio lles contaban. ¡Todos igual! A mentira non prospera e o réximen esentado non terror e no asesinato non pode ser seguro.

Cos amigos de Lugo pasamos uns intres de verdadeira satisfacción e como non queda tempo pra podelos ver a todos decidimos quedar eiquí ata mañá.

En Lugo estase edificando moito e os veciños aumentan constantemente. De boas ganas voltaba pra eiquí e prefería esto a Cruña

31. Viaxamos con un calor abafante e chegamos a Ourense casi asados.

Pola mañá tivemos o contento de ver aos bos amigos Sarandeses e Velayos, que nos recibiron moi ben. É lástima que veñamos tan de presa, pois quedámonos sin ver a Fole e a Piñeiro entre outros moitos. (…)”

O diario de Ben-Cho-Shey.1940; reflexións, celebracións prohibidas e apuntes sobre a II Guerra Mundial

Abril de 1940. No seu diario Fernandez-Oxea, logo de un exercicio de obxectivación da información,  relátanos  os sucesos que a prensa publica sobre as batallas da II Guerra Mundial,  naquel momento só europea. Bríndanos tamén a súa opinión sobre os ascensos militares concedidos nese 1940, aos oficiais do exército sublevado. No medio destes dous temas, deixa constancia dunha  celebración clandestina do día da República na que el participa o 14 de abril de 1940.

13 e 14 de abril de 1940

13 e 14 de abril de 1940

14, 15 e 16 de abril de 1940

14, 15 e 16 de abril de 1940

Fragmento do 16 de abril de 1940

Fragmento do 16 de abril de 1940

Transcrición:

“13. Estas notas van feitas a toda presa, sin vagar pra leer nun xornal, sin tempo pra ordear o pensamento, sin gusto pra poder decir ben as cousas que levo dentro de min. Da lectura dos xornais non se pode sacar nada en limpo; teñen a misión de mentir pra desorientar a opinión  e custa traballo sacar a verdade entre lineas.

Agora, por exempro, levan dous días de unha coba desmesurada aos portugueses, con visitas do Carmona a un barco español e cousas polo estilo. E por outra parte sábese que en Portugal hai forzas aliadas dispostas a lanzarse sobre España en canto esta rompa a sua neutralidade.

Pra millor levar a cabo a defensa nacional fixeron onte unha chea de novos xenerales. Algún diles eran no 36 tenientes coroneles e xa están de de xenerales de división. Pra esto é pra o quese fixo a guerra. ¿Qui importa que morreran millós de españoes? Enriba da inmensa pirámide dos cadáveres érguense audazmente istes corvos co faixín de xeneral tinguido en sangue inocente. A esto de medrar a conta da fame, da miseria e do loito dos españoles chámanlle os favorecidos patriotismo. Por algo á porta dos cuarteles poñen un letreiro que no anverso di: “Todo por la patria” e no reverso, que non se vé, pero pálpase, “Y la Patria para nosotros.” ¡Con qué gusto se sacrifican pola patria istes mangantes!

Os alemás siguen facendo a guerra das mentiras. Según iles xa está todo acabado e Noruega sometida, e Inglaterra resignada, e o “feito consumado”. En tanto os ingleses obran e calan. No mundo hai unha grande espectación e agárdanse acontecementos importantes. Noruega resiste a “protección” alemá, asistidos pola axuda aliada. ¡Canto sinto agora non ter unha radio!

14. Ao noso xeito celebramos a festa do día lucindo as condecoraciós e protexidos pola nosa estrela. Lembrámonos dos bós e xenerosos e cumplimos o noso deber.

En Madrid fixéronlle un homenaxe a un inxenieiro que salvou a 650 individuos metendoos como obreiros, na Escala de I. Industriaes, de unha industria militar puramente ficticia, dí o xornal. ¡Tamén eiquí podían facer eso! O que proba o desbaraxuste que aló había e como aquela xente estaba vendida.

Sete destructores alemás foron botados a pique polos ingreses na bahía de Narvik. A ise paso logo fican sin un barco. Os aliados siguen sin presas por desembarcar en Noruega e o nerviosismo aumenta nos Paises Baixos e nas veiras do Danubio. Por outra parte siguen os piropos e as frases garimosas entre España e Portugal ¿Non será esto o preludio de algo gordo? Cada día está máis obscuro o panorama.

15. Sin noticias da guerra, por ser luns, está un desacougado. Taal é o intrés que desperta a contienda europea e tan grande o intrés que pra nos ten a derrota de Alemaña.

Esta mañá vin por eiquí de coronel, moi finchado, teso e rebolondo ao bizarro Páramo que no 1936 non era mais que comandante. Pra estos foi a guerra. Algo ruín andará faendo por estas terras. E velaí o que a salvación nos trouxo: namentras o coitado Lobit foi asesinado co seu fillo maior en Sevilla o seu cuñado rubiu de un pulo ata coronel. ¡Así é a vida!

Con motivo do asunto dos locales das escolas de Cáceres foi hoxe o Inspector xefe visitar ao Gobernador Militar quen o recibiu decíndolle: “¿Es V. el mandamás de los Maestros?” ¡Definitivo! Tal é a cultura dos nosos salvadores i estas son as formas e a educación que se gastan. Mais ben mirado, tampouco España merece cousa millor.

16. Parece que os ingreses desembarcaron xa en Narvik e fundiron sete destructores alemás. Cubriron de minas corsta ata o mimo Báltico; así que a situación dos alemas en Noruega non debe ser moi cómoda. Según os xornaes dende qu empezou a guerra leva perdido Inglaterra 172 barcos, con un total de 667.000 toneladas, e os alemás, que denantes de ir a Noruega levaban 74 barcos afundidos, calcúlase que terán agora perdidas 370.000 toneladas, sin contar os oito barcos que lle torpedearon antonte. O nerviosismo internacional rube por momentos: en Suecia, en Holanda, en Bélxica toman toda crás de precauciós porque temen que o bárbaro teutón asome por calquera distes países. (…)”

Non esquezades saciar a vosa curiosidade sobre este e outros proxectos visitando a páxina do Museo Provincial de Lugo.