O diario, setembro de 1940. Da “rexeneración” do Estado; da frustración persoal.

Hoxe no diario, temos unha entrada moi interesante e extensa con  dúas reflexións demoledoras sobre o presente no que vive Ben-Cho-Shey e pode que tamén sobre o noso.

O día 29  de setembro de 1940, ao pouco de regresar a Cáceres, Xosé Ramón e Fernández-Oxea deixa escrita a súa contrariedade ante a ocupación das vacantes nos corpos do estado despois da depuración. Persoas escollidas polos vencedores ocupan os postos vacantes demostrando un desleixo sistemático, cando non un aproveitamento persoal dos recursos públicos. Pese a ser unha crítica ao suceder xeral, Ben-Cho-Shey céntrase neste caso no servizo de Correos, se ben en outras pasaxes describe a situación do ensino público primario, da universidade ou o ministerio de xustiza.

En cambio, na entrada do día 30 de setembro, Ben-Cho-Shey descarga toda a súa carraxe e frustración por ver os seus estudos adormentados nunha gabeta logo das dificultades, desconsideracións e aldraxes elitistas que tivo que superar para ver respectado o seu traballo académico,

29 de setembro, 1940

29 de setembro, 1940

29 e 30 de setembro, 1940

29 e 30 de setembro, 1940

30 de setembro, 1940

30 de setembro, 1940

Transcrición:

“29.- Hoxe andan polas rúas “as do bote” poñendo chapas. Eu fágolle o desconto que adoito cando non podo librarme diste engorro. Por certo que o tal sablazo goza de tal popularidade que ata os mismos que levan a camisa azul se negan a dar os cartos a cambio da latiña. Craro que iles néganse con máis libertade que os que levamos a camisa limpa; con máis descaro quixen decir, porque eso da libertade é un pecado que padeceu España, mais que afortunadamente pra os mandós, xa non eisiste. Os non afiliados temos que valernos doutras mañas pra ceibarnos da socaliña! Tamén se observa que as rapazas que andan a pedir fano sin aquil entusiasmo do comenzo; agora van á forza, de mala gana e deseando acabar con unha angueira que teñen que cumprir queiras ou non queiras.

A depuración deixou sin pan – sin ese pan que Franco prometeu a todolos españoes- a milleiros de probes funcionarios pais de familia que eran unha verdadeira garantía para a boa marcha da máquina administrativa. As acusaciós que serviron de base para desbotalos foron cousas nimias, cando non verdadeiras canalladas. Dende logo, ningún saiu por falta de competencia nin de honradez pra desempeñar os seus cárregos, o que indica que pra o novo réxime esas dúas condiciós son cousas adxetivas.

Como proba irrefutable de que esto non é mera suposición sinón unha creencia dos desgobernantes, temos o xeito de sustituir aos infelices destituidos. Calqueira que se fíe desa andrómena de “por la patria, el pan y la justicia” creerá que pra reemplazar aos cesantes se escolleu xente honrada e con boa preparación. Pois nada de eso; moi lonxe da xusticia metéronlle os empregos na man aos “caballeros mutilados” e aos excombatientes, xente analfabeta i educada, na súa maioría, nesa maravillosa escola de vicio e latrocinio que é o tercio, e agora estanse tocando os resultados de tan escolleita selección.

O Corpo de Correos que tiña o orgullo de cumprir ata a eisaxeración a misión que o estado lle encomendara, está hoxe desfeito i entregado en maus de de toda clás de maleantes. Fai poucos días faltáronlle 600 ptas. en sellos ao carteiro encargado da venta diles, que lle decía abraiado aos seus xefes: “Pero esto nunca pasó en Correos!” Ao que lle respondía un: “Es que jamás tuvimos la gentuza que ahora nos rodea.” O Administrador principal tivo que tomar medidas pra evitar que os novos empregados arrincasen os selos das cartas. Os xiros non chegan ao seu destino porque se quedan con iles os carteiros postos polos totalitarios e como derradeiro exempro de honradez azul alá vai iste: Nomearon carteiro dun pobo desta provincia -coido que de Ceclavín- a un indeseable que era ademais “caballero mutilado”. A guardia civil, xustamente alarmada ante o feito, considerouse na obriga de informar aos xefes de Correos que o tal “caballero” era un ladrón moi conocido diles. Os xefes a sua vez diron conocemento do informe a Direición Xeral que, contestou dicindo olimpicamente que “aquel caballero había lavado con su sangre su anterior conducta”, e despois deste arresto patriótico-terciario, ficaron tan tranquilos. Mais ós poucos días o “caballero” lembrouse das incautaciós, que a título de botín estaba afeito a levar a cabo, e saiu arreando con dez mil pesetas que aínda non se sabe quen as pagará. Pra min non sería dúbida: debía pagalas o autor da frase do lavado. E velaí de que xeito tan alegre e tan honrado nos están facendo a España grande.

30.- Recibo as  fotografías de Santa Mariña de Esposende que han de ilustrar a desventurada monografía feita por min xa hai tantos anos sin conquerir que saia a luz púbrica. Á parte do traballo que acerca de esta eirexa pubriquei na “Zarpa” en evitación dun pisotón  que quería darme o finado Vázquez Pardo, fixen logo a dichosa monografía con ouxeto de que saira nos “Arquivos” adicados a Murguía, mais por aquel entón traspapelou o orixinal a bruxa do Risco  e tivo que agardar pra os seguintes. Na primaveira do 36 compúxose e tirouse por fin, mais viñeron os bárbaros e milagreiramente salvouse da destrucción que aquiles salvaxes fixeron de libros e pubricaciós galegas. Arredados unhos dos outros os amigos aterrorizados pola criminal persecución de que fumos ouxeto, perdín o rastro dos meus malfadados traballiños e ao cabo en agosto diste ano D. Xesús Carro enteirouse de que a Santa Mariña estaba feita e a falla somentes das láminas correspondentes. Procurei rescatar as fotos e agora terei que ver si conquiro rematala anque sospeito que a impresión sexa tan cara que non podia chegar a pagala.

Iste calvario sufrido pola cativa monografía de Esposende non é nin máis nin menos que o que corren tódolos meus traballos. A “Santa Marta de Moreiras”, que tanto traballo me deu e na que tiña postas tantas ilusiós, alá dorme nun caixón porque sempre houbo dificultades pra que saíra. Os caciques do Seminario, que en outras cousas tiraban os cartos, regatearon e cicatearon decote as pesetas pras miñas pubricaciós. Certo que eu non teño a autoridade do Cuevillas, máis nono é menos que a min sempre me trataron con desdén universitario marcadísimo e que me tiveron nun lugar subalterno do que somentes logrei sair a conta de grandes esforzos e de impoñerme, fora modestia, pola calidade do meu traballo. Mentras non fun Inspector miráronme por enriba do hombreiro e cando podía comenzar a facer algo viñeron os fillos do ñáñigo a botar por terra tódalas miñas ilusiós. E menos mal que salvei a vida”

Non esquezades saciar a vosa curiosidade sobre este e outros proxectos visitando a páxina do Museo Provincial de Lugo 

Deixar un comentario